Afundación organiza sete concertos sincrónicos en todas as súas sedes para festexar o Día da Música
Afundación, a Obra Social de ABANCA, celebra o Día da Música, día de Santa Icía, con concertos sincrónicos nas sete salas que albergan a macroexposición «Simultánea» nas sete cidades galegas. Sete artistas galegos ofrecerán sete recitais o día 22 de novembro, a partir das 19.30 horas. A entrada é de balde, pero é necesario reservar praza na web Ataquilla.com. Afundación invita o público visitante a levar produtos non perecedoiros a modo de entrada solidaria dentro do seu programa «Cultura por alimentos».
A Sede Afundación da Coruña acollerá a proposta musical da poeta e compositora coruñesa Lucía Aldao, PAVA. Un directo pegadizo e honesto que vai da psicodelia ao pop. A personalidade da súa voz e a forza das súas letras orbitan na elipse das novas voces femininas xurdidas alén do Atlántico.
Sofía Espiñeira estará na Sede Afundación de Ferrol. Sofía crea composicións orixinais que beben da raíz, fusionando o latexo das músicas do mundo e a canción de autora máis íntima e espida. Tras o seu percorrido nos escenarios co seu disco debut Alá onde agroman as herbas, Sofía Espiñeira inicia a súa segunda viaxe musical, Xeografías.
Na Sede Afundación de Santiago de Compostela estará Raposa, unha formación pontevedresa integrada por María Villanueva e Rubén Abad. Un proxecto consolidado sobre unha base de corda pulsada, onde a versatilidade e virtuosismo de ambos os dous integrantes sobrevoa paisaxes bañadas por música clásica, jazz, músicas do mundo, canción protesta ou pop, nunha execución rebosante de matices e delicadeza.
O músico Anxo Araújo estará na Sala de Exposicións do Café Moderno Afundación de Pontevedra co seu segundo traballo discográfico, Aprender a bailar. Unha proposta de melodías pop con reminiscencias do folk e a música tradicional nos marcos das cancións e unha temática que vai do íntimo e persoal ao social e comunitario.
Na Sede Afundación de Vigo actuará Abril, un dúo conformado por Claudia Abril (voz e percusións) e Mariña Carpente (violín e voz) no que melodías tradicionais galegas e ibéricas son adaptadas a sonoridades actuais con certa intimidade, personalidade e frescura.
Magín Blanco estará na Sala de Exposicións Afundación de Ourense. É un dos creadores máis coñecidos de propostas escénicas para público familiar no panorama actual galego, entre as que destaca A nena e o grilo nun barquiño coa que realizou máis dun centenar de actuacións.
Na Sede Afundación de Lugo actuará o cuarteto vocal Son de Corda. Un piar básico deste cuarteto é ter un amplo repertorio lusófono e, para iso, están en contacto con compositores e arreglistas co fin de «actualizar» a nosa música medieval, tradicional e de autor.
O macroproxecto «Simultánea»
Unha única exposición con 7 sedes nas que poderán verse arredor de 350 obras de arte realizadas nos últimos 200 anos. Cada unha das sedes, situada nunha das sete cidades de Galicia, expón unha escolma determinada de obras que foron agrupadas arredor dun eixe temático. Esa é a proposta do ambicioso proxecto expositivo «Simultánea», co que Afundación, a Obra Social de ABANCA, celebra o seu décimo aniversario e que se poderá visitar ata o próximo 25 de xaneiro, ofrecendo ao público unha maneira atractiva e suxestiva de aproximarse á creación artística de Galicia desde o século XIX ata a actualidade. A sede da Coruña céntrase no tema do retrato desde a súa perspectiva máis ampla: «Modo retrato». En Ferrol, e baixo o título «O obxecto contemporáneo e doméstico», poden contemplarse obras protagonizadas por obxectos cotiáns dotados dun cariz simbólico. As «Escenas de costa e mar aberto», dedicadas á representación do mar, expóñense en Lugo. E a Sede de Afundación en Ourense, baixo o título «Espazo aberto e natureza», acolle outra interesante selección de inspiradas na contorna natural.
«Simultánea» mostra na sede da Obra Social ABANCA en Pontevedra, baixo o título «Abstraccións e mensaxes cifradas» a forza expresiva, a capacidade de comunicar e a potente personalidade da linguaxe abstracta en Galicia. Mentres tanto, o proxecto expositivo aborda en Vigo, baixo o título «Voar coa imaxinación», o mundo do onírico, a imaxinación e a fantasía como ingrediente principal da arte. Na sede de Afundación en Santiago, en «Arquitecturas narradas», poden verse obras que reflexionan sobre as relacións do urbanismo e a arte.
«Simultánea» é parte do programa Cultura por alimentos, que Afundación desenvolve en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). O acceso ás mostras é libre e gratuíto, e Afundación invita o público visitante a levar produtos non perecedoiros e depositalos nos contedores habilitados para tal fin nos accesos ás exposicións.