Afundación acolle 'Picasso protagonista', unha ollada ao pintor feita por artistas do cómic
Afundación, a Obra Social de ABANCA, presentará este mércores 28 de febreiro, ás 10.30 h na Sede Afundación da Coruña a exposición 'Picasso protagonista', unha orixinal ollada á figura e obra deste artista universal, interpretado por grandes nomes da banda deseñada.
Na presentación estarán Asier Mensuro, comisario da exposición, quen guiará a visita da tarde ás 19.00 horas, cuxas entradas están esgotadas e a coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, Paloma Vela.
Esta exposición, que poderá visitarse ata o 25 de maio, sobre Picasso rende homenaxe ao xenio a través dun orixinal percorrido por máis de 170 pezas, moitas delas concibidas ex professo para esta exposición.
Deste xeito, 'Picasso protagonista' propón unha reflexión a través do cómic coa que afondar no mito de Picasso e entender como se integra no imaxinario colectivo da cultura española do noso tempo. Con tal propósito, está representado o traballo de 40 recoñecidas autorías galegas e españolas, en cuxas viñetas e creacións en moi diversos soportes percíbese a pegada do gran Picasso. Convivindo coas clásicas bandas deseñadas en papel, preséntanse cómics en lenzo, obras en gran formato, cómics despregados no espazo, instalacións específicas ou xogos de mesa experimentais.