AENA iniciará obras de illamento acústico en vivendas afectadas pola servidume de Alvedro en Oleiros

AENA acometerá obras de illamento acústico nas vivendas incluídas na servidume acústica do aeroporto de Alvedro. Segundo comunica o Concello, tras as alegacións e demandas presentadas, as persoas afectadas —especialmente no núcleo de Montrove— están a recibir nas súas casas unha carta informativa na que se lles ofrece asumir sen custo as intervencións necesarias.
AENA enviará un técnico a cada domicilio que o solicite co obxectivo de realizar as medicións oportunas e determinar as solucións a aplicar. Como pauta xeral, as actuacións centraranse en dormitorios e salóns, aínda que poderían estenderse a outras estancias segundo as necesidades detectadas.
O proceso será totalmente gratuíto para os veciños e veciñas beneficiarios. Para poder optar ás obras, é imprescindible cubrir a solicitude indicada na comunicación remitida aos domicilios. O Concello anima a tramitar o pedido canto antes para axilizar as visitas técnicas e a posta en marcha dos traballos.