Adxudicadas as obras da futura senda peonil da AC-552 entre Arteixo e Lañas

ACoruñaXa
O proxecto conta cun orzamento de 865.000 euros e un prazo de execución de seis meses
xunta-senda-peonil-arteixo
3 Dec 2025

A Xunta vén de licitar por 865.000 euros as obras para a construción dunha nova senda peonil e ciclista na estrada AC-552, entre Arteixo e Lañas. O proxecto, cun prazo de execución de seis meses, busca mellorar a seguridade viaria e conectar aos usuarios coas beirarrúas existentes, creando un corredor peonil e ciclista nesta zona metropolitana.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, explicou que esta actuación contempla unha senda de máis dun quilómetro de lonxitude, acompañada dunha franxa axardinada que separará os peóns e ciclistas do tráfico. Ademais, mellorarase unha parada de autobús e instalarase novo alumeado público.

Allegue destacou que esta obra forma parte do Plan de Sendas de Galicia, co que a Xunta xa executou 300 quilómetros de itinerarios e ten previsto engadir outros 120 quilómetros nesta segunda fase.

Esta intervención súmase a outras realizadas na AC-552, como os treitos de senda entre Pastoriza e Vilarodís, reforzos do firme, ampliación da calzada e melloras na seguridade das paradas de autobús.

O Goberno galego incluíu nos orzamentos de 2026 unha partida de 263 millóns de euros para continuar coa modernización de infraestruturas en Galicia, dos que 114,2 millóns se destinarán á provincia da Coruña.

⚙ Configurar cookies
0.078383922576904