Adxudicada a redacción do proxecto para levantar 17 vivendas públicas en Culleredo

A Xunta de Galicia vén de adxudicar a redacción do proxecto e a dirección de obra para a construción de 17 vivendas de promoción pública en Culleredo, segundo o acordo adoptado no consello de administración da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia S.A., presidido pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue.
O contrato recaerá no estudo Muñiz Más Alfaya S.L.P. por un importe de 106.673,60 euros (IVE incluído). A partir da sinatura, o calendario fixa tres meses para a elaboración do proxecto básico e dous meses máis para completar o proxecto de execución.
As vivendas proxéctanse nunha parcela propiedade da Xunta situada na rúa Alcalde Domingo Sierra, en Culleredo. Con esta adxudicación, o Goberno galego sinala que avanza no seu obxectivo de duplicar o parque público de vivenda antes de rematar 2028, ata acadar as 8.000 vivendas.