ADOS e Básquet Coruña lanzan a campaña “Mete a tripla da túa vida” para fomentar a doazón de sangue

ACoruñaXa
As persoas que doen sangue nas unidades móbiles desprazadas pola bisbarra da Coruña durante estas datas entrarán nun sorteo de 30 entradas para o primeiro partido do 2026, no que o Leyma Coruña xogará contra o Alega de Cantabria
Imaxe dun autobús de doazóns de sangue
4 Dec 2025

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Club Básquet Coruña poñen en marcha durante o mes de decembro unha campaña conxunta para promover a doazón de sangue entre a cidadanía da Coruña. A iniciativa, bautizada como “Mete a tripla da túa vida”, forma parte do programa “16 partidos, 16 causas”, que desenvolven o club e o Grupo Osmos.

O Leyma Coruña dedicará o seu partido deste domingo contra o Palencia a esta causa solidaria, emitindo un vídeo protagonizado polo xogador Dino Radoncic. Ademais, en próximas xornadas, o capitán Guillem Jou tamén lanzará unha mensaxe animando a doar sangue entre o 9 e o 30 de decembro.
As persoas que doen sangue nas unidades móbiles desprazadas pola bisbarra da Coruña durante estas datas entrarán nun sorteo de 30 entradas para o primeiro partido do 2026, no que o Leyma Coruña xogará contra o Alega de Cantabria. Tamén haberá sorteos de camisetas asinadas polos xogadores do primeiro equipo para todas as doazóns rexistradas na zona durante o mes.

Desde ADOS lembran a importancia de doar sangue nas semanas previas e posteriores á ponte festiva de decembro, xa que nestes períodos e durante as vacacións é necesario acadar máis de 400 doazóns diarias para garantir o abastecemento dos hospitais galegos. Este ano, a situación complícase polas enfermidades víricas típicas da época, que reducen o número de doantes dispoñibles.

A campaña pon en valor a colaboración entre colectivos deportivos e sociais para xerar unha conciencia solidaria, “xa que o deporte suma os seus valores positivos á mensaxe de solidariedade da Axencia”, subliñan.

Ademais, ADOS destaca a boa resposta da cidadanía coruñesa, que en 2024 situou á cidade como a terceira gran cidade galega en taxa de doazón, con 40 doazóns por cada 1.000 habitantes, sumando un total de 9.995 doazóns ao longo do ano. Esta cifra coloca á Coruña como a segunda cidade galega con maior volume de doazóns.

⚙ Configurar cookies
0.10231900215149