ADEGA reclama avaliar conxuntamente as plantas de Teixeiro e cuestiona o proxecto de biometano de Norbiogás en Curtis

ACoruñaXa
A entidade ecoloxista presentou alegacións contra a instalación, declarada proxecto industrial estratéxico pola Xunta, e avisa de impactos acumulativos, dúbidas sobre a materia prima e carencias na análise de riscos.
CURTIS planta biometano
16 Jan 2026

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) rexistrou alegacións no procedemento ambiental da planta de biometano que Norbiogás Biometano I, S.L. proxecta no polígono industrial de Curtis-Teixeiro. A organización sostén que o proxecto se está a tramitar de maneira ‘fragmentada’ e pide que se avalíe de forma conxunta coas outras instalacións próximas (unha planta de biometano e outra de biomasa) para incorporar os efectos acumulativos, ao compartir infraestruturas como a rede de gas e saneamento.

Segundo o anuncio publicado no DOG, a Xunta someteu a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada e o estudo de impacto ambiental dunha planta situada nas parcelas D3 e D4 da rúa Mesía, cunha superficie unificada de 25.690 metros cadrados, un investimento previsto de 15.060.000 euros e capacidade para tratar arredor de 116.134 toneladas anuais de residuos orgánicos, cunha produción estimada de entre 42 e 45 GWh ao ano para inxección na rede de gas.

Entre os puntos máis críticos, ADEGA argumenta que parte da base do proxecto (o uso de xurros e puríns) non encaixa co concepto de ‘valorización de residuos’ e advirte de incerteza sobre a procedencia de boa parte da materia prima, o que (ao seu xuízo) comprometería a viabilidade a longo prazo. Tamén alerta de déficits no documento ambiental: ausencia dunha análise cuantitativa de riscos para o núcleo de Maques de Arriba (a uns 210 metros), falta de avaliación do ‘efecto dominó’, estimación de cheiros por separado e indefinición do destino do dixestato e do risco para acuíferos e cursos fluviais.

⚙ Configurar cookies
0.078269004821777