ADEGA leva a Culleredo e á Xunta a denuncia por verteduras recorrentes no río Valiñas

ADEGA presentou unha denuncia ante o Concello de Culleredo e Augas de Galicia polas verteduras de augas fecais que, segundo advirte, se repiten no río Valiñas cando se rexistran períodos de chuvia forte. A entidade asegura que comprobou a situación sobre o terreo tras recibir avisos da veciñanza e detectar publicacións nas redes sociais.
O colectivo explica que o problema estaría relacionado co deseño dun colector que discorre en paralelo ao río e que, en varios treitos, fica por debaixo da súa cota. Cando o caudal sobe, a auga entraría na canalización e favorecería a mestura de fecais coas augas do Valiñas, facendo que os residuos rematen saíndo por rexistros do saneamento. Un fenómeno que xa fora alertado publicamente en meses anteriores pola veciñanza e que, segundo recollen informacións previas, leva anos repetíndose en episodios de choiva intensa.
Segundo ADEGA, hai cando menos dous puntos nos que se detectaron estas verteduras, un no termo municipal de Culleredo e outro no de Cambre. Na contorna afectada, sinala, poden verse toalliñas e outros restos que saíron polos sumidoiros, ademais dun cheiro persistente a fecais. En Sésamo, preto da rúa Castro de Silvar, a asociación asegura que chegou a observar un intento de tapar un rexistro colocando bloques de cemento, unha medida que non tería resolto o problema.
A entidade ecoloxista alerta de que o impacto non se limita ao treito inmediato do río. O Valiñas nace no Monte Xalo e forma parte da rede fluvial que acaba conectando coa ría do Burgo. ADEGA lembra que nesa ría se executaron actuacións de rexeneración e dragado cuantificadas en máis de 35 millóns de euros, polo que considera especialmente grave que continúen chegando achegas contaminantes.
No escrito rexistrado, ADEGA solicita información sobre cando tiveron constancia as administracións desta situación e que actuacións teñen previstas para poñerlle fin. Tamén insiste en que as verteduras de fecais poden reducir o osíxeno disolto na auga, afectar á fauna e incrementar o risco sanitario pola posible presenza de patóxenos. Por iso, a asociación pide ao Concello e a Augas de Galicia que coordinen unha resposta ‘canto antes’ para frear o que cualifica de ‘atentado ecolóxico’.