Adega Lastras coróase na XV Semana da Tortilla de Betanzos

Adega Lastras proclamouse vencedor da Mellor Tortilla de Betanzos 2025 na XV Semana da Tortilla, nunha final retransmitida polos canais municipais e marcada polo altísimo nivel dos aspirantes.
O duelo reuniu os cinco locais elixidos polo xurado durante a semana —A Cova do Frade, Burger City Café Segundo, Mesón Avenida, Restaurante Casanova e o propio Adega Lastras— ante un xurado profesional integrado polo cociñeiro con estrela Michelín Luis Veira, Antonio Amenedo do Pazo de Santa Cruz de Mondoi e Gerardo Quintela do Bar Quintela da Coruña. A cata a cegas confirmou a grande igualdade e a vitoria resolveuse por leves matices.
A proposta gañadora sobresae pola súa execución milimétrica: 700 gramos de pataca cortada en anacos de 2 milímetros, 11 ovos e 4 xemas, sal e aceite. Ademais de coroarse na final, a tortilla de Adega Lastras xa fora a mellor puntuada polo xurado semanal, reforzando o consenso sobre a súa calidade.
Na entrega de premios, a alcaldesa María Barral e a concelleira de Promoción Económica Anxeles Veiga fixeron entrega do galardón a Pedro Miño García, cociñeiro de Adega Lastras. O segundo posto foi para Burger City Café Segundo e o terceiro para A Cova do Frade; Mesón Avenida e Restaurante Casanova ocuparon o cuarto e quinto lugar. Xunto co recoñecemento institucional, os galardoados recibiron lotes de produtos de Aceites Abril.
A XV edición contou con 14 establecementos e unha alta resposta do público. Como novidade, estreouse a app 'GastroBetanzos' para Android e iOS, que permitiu votar a 'Mellor Tortilla Popular' mediante códigos QR exclusivos e participar en sorteos de experiencias gastronómicas e lotes de produtos. Os prezos fixáronse en 2,50 euros a tapa e 20 euros a tortilla enteira; o servizo mantívose de 12.30 a 15.00 e de 20.00 a 22.00, e os venres e sábados de 20.00 a 23.00. O resultado do Premio Popular farase público nos vindeiros días.
No ámbito caseiro, David Teijo Regueiro impúxose como 'Mellor tortilla caseira 2025' nunha final multitudinaria no salón azul do Liceo. O xurado, presidido polo campión de España de Tortilla Alberto García Ponte e con representantes de ACEBE, a Reserva da Biosfera e Lar de Unta, situou como subcampioa a Inés Muller Guevara e como terceiro a Xabier Pérez González. O vencedor recibiu un trofeo conmemorativo e lotes de Aceites Abril e do Concello, e tamén houbo lotes para o segundo e o terceiro.