ADEGA esixe melloras no transporte metropolitano como clave da mobilidade sostible na Coruña

ACoruñaXa
A organización ecoloxista ve no vencemento do contrato da Compañía de Tranvías unha oportunidade para impulsar un transporte público máis eficiente e respectuoso co medio ambiente
Imaxe dun autobús urbano na Coruña
17 sep 2024

A delegación da Coruña de ADEGA vén reclamando melloras urxentes no transporte metropolitano, considerando este como un eixo central para lograr unha mobilidade sostible na comarca coruñesa. Segundo ADEGA, unha boa conexión entre a cidade e os concellos da súa contorna facilitaría os desprazamentos diarios de milleiros de persoas de maneira máis económica, eficiente e respectuosa co medio ambiente.

A organización subliña que esta é unha demanda histórica da cidadanía, especialmente en concellos como Oleiros, Culleredo, Arteixo ou Sada, onde o crecemento demográfico incrementou a necesidade dun servizo de transporte público que reduza o tráfico de vehículos privados e as retencións nas horas punta.

ADEGA tamén fai fincapé na necesidade de crear unha rede metropolitana ben estruturada e coordinada entre os diferentes concellos e a Xunta de Galicia, que permita unha mobilidade fluída por toda a comarca. Ademais, critican a deficiente comunicación dos principais polígonos industriais da Coruña, como A Grela ou POCOMACO, cos municipios veciños, o que prexudica tanto á mobilidade sostible como ao tecido empresarial.

Entre as solucións propostas, ADEGA destaca a mellora das frecuencias e a ampliación de liñas de autobuses, así como a implementación da integración tarifaria para facer o servizo máis accesible. A organización tamén aposta por un tren de proximidade eficaz, que complementaría o sistema de autobuses e reduciría a conxestión nas estradas, mellorando as conexións entre as estacións da comarca e a cidade.

Co vencemento do contrato da Compañía de Tranvías da Coruña a finais de 2024, ADEGA ve unha oportunidade única para redeseñar o sistema de transporte público. A renovación do contrato debe incluír melloras nas frecuencias, liñas e tarifas, e avanzar cara a un modelo máis sostible e inclusivo que responda ás necesidades actuais da poboación e contribúa a reducir a dependencia do vehículo privado.

0.16081714630127