ADEGA e colectivos veciñais alegan contra a central de bombeo de Meirama polo risco para o encoro de Cecebre

ACoruñaXa
As entidades advirten de que o proxecto, declarado estratéxico pola Xunta, podería afectar á calidade da auga do Abegondo-Cecebre, principal fonte de abastecemento da Coruña e área metropolitana
ORDES mapa meirama
28 Jan 2026

ADEGA, a Asociación Veciñal e Ambiental de Meirama e a Asociación de Veciñas e Veciños Encrobas Viva presentaron alegacións á Avaliación Ambiental do proxecto dunha central de bombeo que a empresa Coventina Renovables S.L. pretende impulsar na balsa mineira de Meirama, unha iniciativa que foi declarada estratéxica pola Xunta de Galiza.

Segundo explican os colectivos, a instalación proxectada empregaría como depósito inferior a propia balsa mineira, cuxa auga drena cara ao encoro de Abegondo-Cecebre a través da conca do río Barcés. Este encoro, ademais de estar integrado nun espazo protexido da Rede Natura 2000, é a principal reserva de auga potable para a cidade da Coruña e os concellos da súa contorna, polo que as entidades consideran que o proxecto require unha análise ambiental moito máis exhaustiva.

Un dos puntos centrais das alegacións é o risco asociado á natureza da auga da balsa de Meirama, que non é un lago natural, senón o resultado dunha antiga mina a ceo aberto. ADEGA e os colectivos veciñais sinalan que esa auga presenta características problemáticas como acidez elevada, presenza de metais pesados, ademais de baixa concentración de osíxeno. Co funcionamento dunha central de bombeo, que movería grandes volumes de auga de maneira continua, poderían removerse sedimentos e favorecer o arrastre de contaminantes cara ao río e, en última instancia, ao encoro de Cecebre. Ao seu xuízo, este impacto potencial non está ben abordado no estudo ambiental achegado pola promotora.

As entidades tamén poñen o foco na balsa superior prevista para posibilitar o salto de auga. O proxecto contempla crear un novo depósito de grandes dimensións na ladeira sur do Monte Xalo, nun ámbito no que se localizan zonas húmidas e cursos menores como as brañas de Torreiro e o rego de Biduído. Aínda que non figuren como espazos inventariados, os colectivos defenden que manteñen valores ambientais relevantes e que a súa inundación suporía unha perda difícilmente reversíbel.

Por último, ADEGA e as asociacións critican a falta de transparencia e participación efectiva. Consideran insuficiente limitarse á publicación oficial e reclaman vías de información máis comprensíbeis e accesíbeis para a veciñanza e as entidades afectadas, de maneira que poidan trasladar as súas preocupacións á administración de forma directa.

⚙ Configurar cookies
0.086840867996216