ADEGA distingue cos premios 'Osíxeno' e 'Dioxina' o activismo ambiental e ás políticas que considera lesivas para o territorio galego

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) entregará os premios 'Osíxeno' e 'Dioxina' 2024-2025 no marco da súa 50ª Asemblea Xeral, que terá lugar el sábado 25 de outubro no Quiosco Afonso da Coruña ás 13.30 horas. Estes galardóns buscan, por unha banda, salientar persoas e colectivos que contribúen á defensa ambiental en Galicia, e pola outra, sinalar aquelas actuacións que, segundo ADEGA, supoñen unha ameaza para o territorio, os ecosistemas ou os dereitos sociais e ambientais.
O 'Osíxeno de Honra' recae este ano en Marcial Barral Vasques, activista histórico na defensa do río Ulla e da comarca da Ulloa. ADEGA salienta o seu papel desde finais dos anos noventa na loita contra proxectos de minicentrais hidroeléctricas no Ulla e a súa participación actual en plataformas ecoloxistas e veciñais como Ulloa Viva, cun traballo que abrangue tanto a protección do monte autóctono coma a defensa do rural e da lingua.
O premio 'Osíxeno' individual recoñece a Noemí Vázquez Nogueiras, impulsora da Arca da Noe en Vilar de Santos (A Limia), un espazo cultural que ADEGA considera xa unha referencia no rural galego. O 'Osíxeno' colectivo entrégase á Asociación Veciñal das Conchas polo seu labor na consecución dunha sentenza do TSXG que recoñece vulneración de dereitos fundamentais pola contaminación do encoro das Conchas e obriga a reparar o dano ambiental e indemnizar á veciñanza afectada.
Nos 'Dioxina', ADEGA formula críticas a determinadas actuacións políticas e institucionais. O 'Dioxina' individual 2024-2025 concédese ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao que a asociación acusa de minimizar o impacto da última vaga de incendios forestais e de restarlle valor ecolóxico ás superficies queimadas. O 'Dioxina' colectivo recae na Consellaría de Educación da Xunta de Galiza pola aplicación, neste curso 2025-2026, do principio de neutralidade ideolóxica nas actividades complementarias dos centros educativos, medida que ADEGA interpreta como un intento de limitar o debate en cuestións ambientais e sociais.
ADEGA salienta que con estes premios pretende tanto sinalar responsabilidades como poñer en valor modelos de defensa do territorio baseados na organización social e comunitaria. As persoas e colectivos premiados recibirán unha escultura creada polo artista galego Nacho Porto.