ADEGA denuncia a acumulación de lixo na braña da Ría do Burgo máis dun mes despois das festas
A organización ecoloxista ADEGA denuncia a grave acumulación de lixo na braña da Ría do Burgo, que se arrastra desde hai máis de un mes, tras as festas do Burgo. Esta zona natural, de alto valor ecolóxico e fragilidade, está saturada de residuos sólidos urbanos como plásticos, botellas e bolsas, que se acumularon especialmente ao redor do xardín botánico.
A situación, que xa é habitual nas marxes do paseo marítimo, agravouse significativamente despois das celebracións. A braña da Ría do Burgo, vital para a biodiversidade local e para numerosas especies de aves, peixes e plantas acuáticas, está a sufrir un impacto negativo importante. Os residuos plásticos representan un risco para a fauna, que pode inxerir os materiais e sufrir danos graves. A fragmentación dos plásticos tamén contamina o solo e a auga, afectando potencialmente aos bancos marisqueiros da ría.
ADEGA reclama unha intervención inmediata para abordar esta situación e restaurar o ecosistema da braña. A asociación destaca a responsabilidade das administracións públicas na promoción de alternativas reutilizables e na redución do impacto ambiental dos residuos. A falta de acción por parte do Concello de Culleredo amosa un preocupante desinterese pola protección do medio ambiente, deixando a braña en estado lamentable e requirindo dunha actuación urxente.