ADEGA achega unhas cantas recomendacións a nivel persoal para reducir a xeración de residuos

ACoruñaXa
A Asociación celebra o fin da folga de recollida de lixo e urxe ao Concello da Coruña a implementar medidas sostibles e innovadoras na xestión de residuos
Imaxe da pasada folga de lixo na Coruña
12 Ago 2024

A asociación ecoloxista ADEGA manifestou o seu alivio polo final da folga de recollida de lixo na cidade da Coruña, que tivo un impacto notable nos últimos meses. A situación puxo en evidencia a importancia da correcta xestión dos residuos para o benestar da cidadanía e a conservación do ambiente. Neste contexto, ADEGA considera que este episodio debe servir para reflexionar sobre a xestión actual dos residuos e a importancia deste servizo municipal.

ADEGA subliña a necesidade de que o Concello da Coruña poña fin á chantaxe do STL e tome medidas para evitar futuras interrupcións no servizo. Ademais, insta ao goberno local a intensificar os esforzos para reducir a produción de residuos e aumentar a recuperación de materiais. A asociación tamén suxire que se adopten iniciativas máis innovadoras para mellorar a sustentabilidade da planta de Nostián e do sistema de recollida de lixo, como a implementación de proxectos de recuperación de materiais tipo repair café, onde se proporcionan medios técnicos e asesoramento para a reparación de obxectos cotiás e, así, reducir a cantidade de lixo enviado á planta.

ADEGA alerta de que, se as administracións non asumen a súa responsabilidade e non se adoptan medidas adecuadas, os espazos públicos seguirán sendo invadidos por residuos, como ocorreu recentemente nas rúas da Coruña. Por iso, a asociación demanda que os sistemas de recollida e tratamento de residuos sexan máis sostibles e eficientes.

Ademais, ADEGA recorda que cada persoa ten un papel fundamental na redución de residuos e propón varias recomendacións para axudar a reducir a cantidade de lixo:

Dicer non aos plásticos dun só uso: Evitar bolsas de plástico, palliñas e utensilios desbotables, optando por alternativas reutilizables como bolsas de tea, tuppers de vidro e botellas reutilizables.

  • Comprar a granel: Reducir a cantidade de plásticos e envases de un só uso mercando produtos a granel e usando os nosos propios envases ou bolsas.
  • Compostar na casa: Reducir os residuos orgánicos mediante a compostaxe, obtendo abono natural para o xardín ou horta.
  • Reutilizar e reparar: Dar unha segunda vida aos obxectos, reparando electrodomésticos, mobles ou roupa, ou ben reutilizándoos para reducir o lixo.
  • Evitar o desperdicio: Planificar compras e comidas, aproveitar as sobras e conservar correctamente os alimentos para reducir residuos alimentarios.
  • Separar correctamente os residuos: Seguir as directrices de reciclaxe e separar correctamente os residuos para garantir o seu tratamento axeitado.

ADEGA instou á cidadanía e ao Concello a actuar con responsabilidade para mellorar a xestión dos residuos e preservar o entorno.

 

0.15465116500854