Adalberto Robles, bombeiro de Oleiros, destaca na "Subida Vertical Gran Hotel Bali"

Adalberto Robles, membro do Servizo Municipal de Emerxencias do Concello de Oleiros, vén de demostrar unha vez máis a súa capacidade física e profesional ao participar na prestixiosa "Subida Vertical Gran Hotel Bali", unha das probas máis esixentes do panorama nacional. Robles acadou a 24ª posición na categoría de bombeiros, completando o desafío cun tempo de 9 minutos.
A competición consistía en ascender os 52 andares do emblemático hotel de Benidorm, o edificio máis alto de España, superando un total de 924 escaleiras. Os participantes da categoría de bombeiros realizaban a proba equipados co traxe completo de intervención de incendios e a espaldeira do equipo de respiración autónoma, que supón un peso engadido de 18 quilos.
Dende o Concello de Oleiros felicitan a Adalberto Robles polo seu esforzo, superación e por levar o nome do municipio a un evento que pon a proba a resistencia e o compromiso do persoal de emerxencias. Unha mostra máis da calidade humana e profesional do equipo que vela pola seguridade da veciñanza día a día.