Activan a busca dun mozo de 17 anos desaparecido en Guillereu

ACoruñaXa
SOS Desaparecidos difundiu este luns a alerta por Daoud B. C., visto por última vez na parroquia de San Vicente, en Vilasantar, mentres o Concello pide colaboración cidadá para tratar de localizalo
VILASANTAR desaparecido daoud
13 Apr 2026

A desaparición dun menor en Guillereu, na parroquia de San Vicente, mobiliza desde este luns a veciñanza e ás autoridades de Vilasantar. SOS Desaparecidos solicitou axuda cidadá para localizar a Daoud B. C., un mozo de 17 anos do que non se teñen noticias desde a madrugada do domingo ao luns, segundo a alerta difundida ao longo da xornada.

Segundo a información trasladada polo Concello de Vilasantar, o rapaz marchou da casa o domingo 12 de abril arredor das 21.00 horas, regresou sobre as 3.00 da madrugada e saíu de novo pouco despois. Desde ese momento non volveu saberse del, polo que se pide a máxima difusión do aviso para facilitar a súa localización.

O menor mide 1,75 metros, ten complexión delgada e ollos escuros. No momento da desaparición vestía pantalón de chándal verde e sudadeira gris con raias negras. O aviso trasladado no ámbito local engade ademais que podería levar un xersei beige con raias negras e zapatillas de deporte.

O Concello pediu á veciñanza que, no caso de dispoñer de calquera pista, contacte de inmediato cos servizos de emerxencias a través do 112, coa Garda Civil no 062 ou coas canles municipais habilitadas. A asociación SOS Desaparecidos mantén tamén activo o seu dispositivo de difusión para intentar acelerar a localización do mozo.

0.12977313995361