Activada a alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego

GaliciaXa | AMariñaXa | ACoruñaXa
En especial no noroeste e oeste da Coruña, estendéndose ao suroeste da costa coruñesa, á Mariña lucense
Imaxe dun temporal na Coruña
24 Feb 2025

A Xunta de Galicia activa para este 24 de xaneiro a alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego. Co obxectivo de garantir a seguridade de bens e persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos das provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubes náuticos, entre outros.

Por este motivo, a Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes anunciou tamén a suspensión da actividade deportiva federada durante toda a xornada de mañá nos concellos afectados por este temporal costeiro.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso está activo desde as primeiras horas da mañá no noroeste e oeste da Coruña, estendéndose ao suroeste da costa coruñesa, á Mariña lucense e ao litoral pontevedrés. A alerta prolongarase ata a noite de mañá por mar combinada do oeste ou noroeste con ondas de ata seis metros.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén recomenda extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarras das embarcacións. Ademais, sinala a relevancia de retirar obxectos que poidan caer á rúa desde tellados, balcóns e fiestras, e evitar pasar preto de edificios en ruínas ou en construción, de árbores, de paneis publicitarios e de obxectos susceptibles de desprazarse co vento.

0.15852093696594