Acordo unánime en Cambre para impulsar a posta en valor do paseo do Mero

O Concello de Cambre aprobou por unanimidade a moción presentada por Alternativa dos Veciños para revalorizar o paseo fluvial do Mero, co obxectivo de garantir a súa conservación, mellorar a funcionalidade e activar un plan integral de uso público. A iniciativa chega en paralelo ao anuncio da Xunta de Galicia, que vén de pactar co Concello un convenio para rehabilitar infraestruturas no río cun investimento próximo aos 900.000 euros e unha intervención que abranguerá arredor de 17 quilómetros de percorrido.
A alcaldesa, Diana Piñeiro, confirmou que trasladará ao Goberno galego as liñas incluídas na moción para que poidan integrarse no proxecto autonómico: desde tarefas de mantemento e renovación de pasarelas e firme, até programas de dinamización educativa, sociocultural e turística, e a creación dunha área de lecer.
Segundo explicou Augas de Galicia, a recuperación do contorno servirá tamén para reforzar a resposta fronte ás crecidas, un dos puntos sensibles do itinerario, xunto coa reposición de treitos hoxe pechados polo seu mal estado (especialmente nas inmediacións do colexio Porto Faro), e a recuperación do uso para sendeirismo e bicicleta.
Alternativa dos Veciños adiantou que fará seguimento dos avances e dos trámites administrativos ligados á execución, despois de meses de recoller achegas da veciñanza e persoas usuarias do paseo para deseñar un plan de mellora integral.