Acollida humanitaria na Coruña: 15 menores refuxiados de Mali xa están na residencia do IES Rosalía Mera

A Deputación da Coruña iniciou esta semana unha acción de acollida humanitaria que permitirá dar refuxio a 15 menores procedentes da guerra de Mali. Os nenos e nenas, de entre 9 e 15 anos, xa se atopan na antiga residencia do IES Rosalía Mera, un edificio rehabilitado e preparado para prestar atención integral ás persoas refuxiadas.
Esta medida forma parte do Sistema Nacional de Acollida de Protección Internacional, coordinado polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións a través da Secretaría de Estado de Migracións, e conta co respaldo da entidade social Ecos do Sur, federada en Red Acoge.
As instalacións proporcionan aloxamento, alimentación, conexión a internet, servizos de limpeza e lavandería, así como apoio psicolóxico e acompañamento social. Ademais, organízanse actividades deportivas e culturais que favorecen o benestar e a integración dos menores.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que “esta acollida é un deber ético e moral. Galicia sempre foi terra solidaria e non pode permanecer indiferente ante o drama humanitario que sofren miles de nenos e nenas en Mali”. O mandatario provincial anunciou tamén unha visita ao centro para agradecer o labor da ONG Ecos do Sur, da Secretaría de Estado de Migracións e do equipo directivo do IES Rosalía Mera.
A Deputación lembra que non é a primeira vez que pon en marcha accións deste tipo, xa que acolleu persoas refuxiadas da guerra de Iugoslavia nos anos 90 e, máis recentemente, familias ucraínas fuxidas da invasión rusa. Con esta nova iniciativa, a institución reafirma o seu compromiso histórico cos dereitos humanos e coa protección das persoas desprazadas por conflitos bélicos.