Acendido solidario do Nadal en Sada este venres 5 de decembro

ACoruñaXa
A Praza de San Roque acollerá unha xornada festiva con música, sorteos e recollida de produtos para Cáritas e Cruz Vermella
SADA luces
20 Nov 2025

A Praza de San Roque converterase este venres 5 de decembro no epicentro do Nadal sadense cun acendido do alumeado que, ademais de festivo, incorporará un marcado carácter solidario. As familias que desexen participar deberán entregar alimentos non perecedoiros ou artigos de hixiene persoal, que se destinarán ás organizacións Cáritas e Cruz Vermella. Para facilitar a recollida, o Concello instalará unha carpa na propia praza entre as 17.00 e as 20.00 horas. Como agradecemento, as persoas asistentes recibirán rifas para entrar nos distintos sorteos previstos ao longo da tarde.

A programación arrancará cunha sesión musical continua a cargo dos djs de Ayman Collective e continuará cun espectáculo en directo no que soarán algúns dos temas máis recoñecidos destas datas, interpretados pola voz de Paty Lesta & the Hits.

Ás 20.00 horas iniciarase o sorteo dos agasallos, que inclúe catro cheques destinados á compra de xoguetes, libros ou material escolar. A quinta rifa extraída permitirá que unha familia suba ao escenario para protagonizar a emocionante conta atrás e premer o botón que iluminará as rúas de Sada. A familia agraciada levará tamén unha consola Playstation 5 como recordo especial da velada.

Durante todo o evento ofrecerase chocolate con churros ás persoas asistentes, e as rúas comerciais contarán con animación e música ambiente para acompañar este primeiro gran acto do Nadal no municipio.

⚙ Configurar cookies
0.071308851242065