Acea de Ama prepara a súa gran transformación con obras este verán e un investimento de 3 millóns de euros

O complexo deportivo de Acea de Ama, en Culleredo, afronta unha nova etapa coa vista posta neste verán, cando está previsto o arranque das primeiras obras de mellora das instalacións. A actuación irá ligada á recente adxudicación da xestión a DOS Deporte durante 20 anos, un contrato no que a empresa comprometeu un investimento próximo aos 3 millóns de euros.
O centro, acondicionado en 1993 nas antigas dependencias da Universidade Laboral, contará cun plan de modernización que afectará tanto aos espazos interiores como ás áreas exteriores. Na primeira fase, prevista para os meses de verán, acometeranse actuacións no interior do recinto, coa ampliación da sala fitness, a renovación do equipamento deportivo, a mellora da recepción e dos vestiarios, ademais da creación dunha nova zona de saunas. Tamén se levarán a cabo intervencións vinculadas á accesibilidade e traballos de mantemento.
Nunha segunda etapa, o proxecto contempla a incorporación de novas salas para pilates e ioga, outra específica para bike e a renovación das bicicletas de spinning. A reforma tamén inclúe unha reordenación dos espazos deportivos e unha adaptación das instalacións ás novas demandas da práctica física e deportiva.
Desde a Fundación Deporte Galego, organismo dependente da Xunta encargado da supervisión técnica e do seguimento do contrato, sinalan que a remodelación permitirá modernizar o complexo, mellorar a funcionalidade dos espazos e adaptar a infraestrutura a un uso máis actual. Entre as actuacións previstas no exterior figuran a posta ao día das pistas de tenis e pádel, a mellora do circuíto de running e a creación de novos espazos para calistenia, cross training e un parque biosaludable dirixido ás persoas maiores. O proxecto inclúe ademais unha nova zona de xogos na contorna da piscina exterior.
A nova organización da xestión tamén redefine os usos do recinto. Mentres DOS Deporte asumirá a parte interior, a Fundación Deporte Galego manterá o control do parque exterior, onde se encargará dos servizos de limpeza, mantemento, xardinería, videovixilancia e reserva en liña das instalacións. Este reparto non convence ao Concello de Culleredo, que leva tempo reclamando a cesión deses espazos por considerar que están infrautilizados e que poderían reforzar a oferta deportiva municipal.
A demanda do complexo segue a ser elevada. Segundo os datos do último trimestre de 2025, a instalación contaba con arredor de 5.000 persoas abonadas titulares, o que supón uns 9.500 usuarios. A oferta reúne cursos de natación, actividades dirixidas e acceso libre ás instalacións. Só no último trimestre puxéronse á disposición máis de 1.000 prazas de natación e arredor de 120 modalidades semanais de exercicio físico, cunha ocupación media do 55 ao 56 por cento. A sala fitness destaca como un dos espazos máis utilizados, con máis de 20.000 accesos mensuais.