Accesos renovados para gozar mellor da praia de Perbes en Miño

A chegada á praia de Perbes é xa máis cómoda, segura e tamén máis amable co entorno. O Concello de Miño vén de concluír o proxecto de mellora paisaxística e acondicionamento dos accesos a este areal, un dos máis concorridos do municipio e con distintivo de bandeira azul.
A actuación supuxo un investimento de 84.149 euros, dos cales 60.000 foron financiados a través dunha subvención da Xunta. O alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, e o concelleiro José Manuel Pantín participaron no acto de recepción das obras, que incluíron a retirada de especies invasoras e a renovación dos accesos norte e sur para unha integración máis harmónica coa paisaxe.
No acceso norte, eliminouse unha franxa de asfalto e substituíuse por unha plataforma de madeira coa que se salvou a diferenza de cota entre o vial e a area. O novo deseño incorpora tamén zonas de estancia, pensadas para parar, descansar e contemplar o entorno con maior comodidade. Ademais, as duchas foron substituídas por lavapés, co obxectivo de promover un uso máis eficiente da auga.
No acceso sur, o Concello actuou sobre o pavimento, que presentaba un estado deteriorado polo paso de maquinaria pesada, e instalouse un banco de madeira xunto ao talude. Para o rexedor, trátase dun paso máis na posta en valor da praia de Perbes, ao gañar en accesibilidade e tamén en atractivo, cunha panorámica ‘incrible’ desde a nova plataforma.