Acampa pola Paz entregará este xoves na Coruña os Recoñecementos á Defensa dos Dereitos Humanos 2025

Acampa pola Paz entregará o vindeiro xoves, 11 de decembro, os seus Recoñecementos á Defensa dos Dereitos Humanos 2025. O acto celebrarase ás 11:45 horas na sede da ONCE na Coruña (Cantón Grande), e a organización invita á cidadanía a asistir e sumarse ao aplauso colectivo.
Na categoría internacional, o galardón recaerá no persoal médico e sanitario de Gaza, representado nesta ocasión polo anestesista e intensivista Refaat Alathamna, que chegou recentemente a España xunto á súa familia tras ser evacuado da Franxa. A súa presenza na Coruña será posible, entre outros, grazas ao cineasta Javier Fesser, que o acompañará durante o acto. Alathamna relatou nas redes sociais, en primeira persoa, as condicións extremas nas que traballaron os sanitarios gazatís durante os bombardeos, así como as dificultades para protexer e alimentar á súa familia en pleno conflito.
Na categoría Galicia, o recoñecemento será para Mohamed Safa, oftalmólogo cisxordano residente desde hai décadas na Costa da Morte. Safa é coñecido polo seu activismo e polo seu traballo de divulgación sobre a situación do pobo palestino, o que o converteu nunha das voces máis respectadas na comunidade galega en materia de dereitos humanos.
Acampa pola Paz destaca que ambos recoñecementos simbolizan o compromiso de quen, desde ámbitos diferentes, defenden a dignidade e os dereitos fundamentais en contextos marcados pola violencia e a vulneración de liberdades.