Abril abrirá un novo prazo de inscrición na escola infantil municipal

ACoruñaXa
O Concello de Bergondo admitirá solicitudes entre o 1 e o 23 de abril para o curso 2026/2027, cun sistema de prioridade para familias empadroadas e unha listaxe de reserva para nais xestantes
BERGONDO escola infantil
26 Mar 2026

O Concello de Bergondo abrirá o vindeiro 1 de abril o prazo para solicitar praza na Escola Infantil Municipal de cara ao curso 2026/2027. O proceso permanecerá activo ata o día 23 e está dirixido a menores que teñan, como mínimo, 3 meses ao inicio do curso e que non cumprisen os 3 anos antes do 31 de decembro de 2026.

Entre as novidades desta convocatoria figura a posibilidade de que as nais xestantes presenten tamén a súa solicitude. Nestes casos, a petición será baremada, pero a praza quedará en listaxe de reserva ata o nacemento e sempre que despois se cumpra coa idade mínima regulamentaria.

A adxudicación das vacantes farase segundo o baremo fixado pola Xunta de Galicia, aínda que o Concello establece unha orde de prioridade que sitúa en primeiro lugar ás familias empadroadas en Bergondo con polo menos 6 meses de antigüidade, salvo traslados xustificados. A continuación figuran as familias non empadroadas pero cun posto de traballo regular no municipio e, en terceiro lugar, as residentes en concellos limítrofes.

As solicitudes poderán presentarse preferentemente por vía telemática a través da sede electrónica municipal ou de forma presencial no Rexistro Xeral, en horario de 9.00 a 14.00 horas. Ademais, o Concello anunciou xornadas de portas abertas os días 9 e 13 de abril, de 16.00 a 17.00 horas, para que as familias interesadas poidan coñecer as instalacións do centro con cita previa.

0.13056898117065