Ábrese o prazo para optar aos locais de ensaio municipais na Coruña

ACoruñaXa
O prazo de inscripción estará aberto ata o mércores 3 de abril. O programa permítelle ás bandas emerxentes gozar dos medios necesarios para desenvolver os seus proxectos musicais na cidade
Imaxe dunha banda ensaiando nun local municipal da Coruña
11 Mar 2024

O Concello da Coruña abre este luns, 11 de marzo, a soliciude para optar a unha das 48 prazas semanais de ensaio para o vindeiro semestre nos Locais de Ensaio municipais. Sempre e cando menos, a metade do grupo sexa menor de 30 anos, e que o 50% da agrupación acredite vivir ou cursar estudos actualmente na cidade son os dous únicos requisitos para gozar das 3 horas semanais de ensaio que se ofertan por grupo.

As persoas interesadas poden descargar os impresos no seguinte enlace. O prazo ordinario de inscrición rematará o 3 de abril. Os novos horarios resultantes deste proceso comezarán a aplicarse a partir do 22 de abril. A documentación requerida deberá enviarse ao enderezo de correo electrónico xuventude@coruna.gal.

Os novos grupos residentes terán a posibilidade de desenvolver, de balde, o seu proxecto musical nun espazo totalmente equipado, podendo gravar as súas composicións no estudio, depurar a súa imaxe corporativa, gañar experiencia enriba dun escenario en eventos e festivais, e recibir o apoio que precisen con titorías específicas para cada proxecto. A oferta enmárcase dentro das medidas para a promoción dos artistas locais que ten posto en marcha o Goberno de Inés Rey durante os últimos anos.

Nos últimos meses, máis de 30 bandas fixeron uso deste servizo municipal. Moitas delas mostraron os seus traballos nas salas de concertos da cidade, tentando facerse un nome dentro da escena local. Grupos que comezan a ser coñecidos pola cidadanía, como son Roda Door, Nordés, Batiscafo, Hell´s Heaven, Nuclear Waste ou Crimson And Clover.

 

 

 

0.17760586738586