Ábrese a retirada de entradas para as actividades gratuítas do Encontro Mundial de Humorismo

ACoruñaXa
O Encontro Mundial de Humorismo, que se celebrará na cidade da Coruña do 25 de abril ao 5 de maio, activou na mañá deste luns as súas entradas para as actividades gratuítas
Jordi Moltó e Ricardo Moya estarán no EMHU
18 Mar 2024

O Encontro Mundial de Humorismo, que se celebrará na cidade da Coruña do 25 de abril ao 5 de maio, activou na mañá deste luns 18, a partir das 12.00 horas, a retirada de convites para dúas das actividades que formarán parte da programación paralela e gratuíta da súa cuarta edición: o parladoiro 'Lo que me han enseñado los mayores', do cómico e guionista de televisión Jordi Moltó, e a gravación ao vivo de 'El sentido de la birra', o podcast presentado por Ricardo Moya e que contará con Antonio Resines como convidado.

Así, Jordi Moltó visitará por primeira vez o EMHU con 'Lo que me han enseñado los mayores', unha escachante proposta na que aborda algúns dos seus vídeos máis virais gravados para a sección 'Experiencias reales', do programa de Antena 3 El Hormiguero, e que contan con millóns de visualizacións nas redes sociais.

O monólogo consiste nunha sorte de emotivos experimentos sociolóxicos protagonizados por avós, propostas das cales Moltó deduce que “a idade non é máis que un estado mental”. O seu parladoiro, apto para todos os públicos, terá lugar no Teatro Colón o martes 30 de abril ás 19.30 horas. A entrada será gratuíta con previa retirada de convite en Ataquilla.

Ademais, desde este luns tamén estarán dispoñibles os convites para unha das citas máis agardadas desta edición e que será o ramo das actividades paralelas do EMHU 2024: a gravación ao vivo de 'El sentido de la birra', un dos podcast máis seguidos do momento. O seu condutor, o músico, cómico e youtuber Ricardo Moya, entrevistará de forma relaxada, intimista e sen guion, a unha das figuras imprescindibles do mundo do cinema e da televisión das últimas décadas: Antonio Resines. Será o domingo, 5 de maio, ás 12.30 horas, no Teatro Colón.

Para facilitar o acceso tanto de maiores coma de pequenos á proposta, o EMHU e o Concello da Coruña contarán cun amplo cupo de entradas para as persoas usuarias dos centros cívicos municipais. As usuarias poderán solicitar a súa invitación nos propios centros, a través das canles habituais presenciais que a Concellería de Benestar Social pon ao seu dispor.

 

0.18648505210876