Abren as inscricións presenciais para o medio maratón C21 da Coruña, que se correrá o 1 de marzo

O medio maratón C21 da Coruña, previsto para o domingo 1 de marzo, activa desde este luns 12 de xaneiro unha nova opción para anotarse: a inscrición presencial. As persoas interesadas poden formalizar a participación na web e tamén na sección de Deportes (5ª planta) de El Corte Inglés da rúa Ramón y Cajal.
A día de hoxe, a organización contabiliza máis de 1.600 inscricións no medio maratón e máis de 600 na carreira 5K. Segundo o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, para a C21 quedan menos de 900 dorsais dispoñibles, un dato que cualificou de positivo a máis de mes e medio da cita.
Esta edición incluirá unha novidade destacada: por primeira vez, a proba dos 21 quilómetros terá a saída e a meta na praza de María Pita, ás portas do Palacio Municipal, un punto final que se engade a un percorrido xa definido. A saída realizarase na avenida de Montoto e o trazado pasará, entre outros puntos, pola avenida da Mariña, os Cantóns, praza de Mina, praza de Ourense, Linares Rivas, Primo de Rivera, Palloza, avenida do Exército, Ramón y Cajal, Pérez Ardá e Salvador de Madariaga, onde se fará o primeiro cambio de sentido.
A partir de aí, o itinerario retoma Ramón y Cajal e continúa por Alcalde Marchesi, rotonda da Gaiteira, Posse e o lateral da avenida do Exército para acceder á zona portuaria pola estrada do Porto Petroleiro de Oza, con paso por San Diego e o Peirao Leste, nun tramo de ida e volta antes de regresar cara ao centro urbano. Xa na segunda metade, a carreira transcorre por Juana de Vega, San Andrés, rúa Alta, Pedro Barrié de la Maza, rotonda das Catalinas, avenida de Buenos Aires e Manuel Murguía ata a rotonda das Escravas, para volver polo mesmo trazado. O último treito discorre polo paseo marítimo Francisco Vázquez, a rotonda do Aquarium e, de novo, Barrié, rúa Sol, San Andrés, rúa Nova, Cantón Grande, Mariña e Porta Real, ata finalizar en María Pita.
A proba 5K tamén sairá da avenida de Montoto e compartirá trazado co medio maratón ata o cruzamento con Juana de Vega, onde se desviará por San Andrés, rúa Alta e Pedro Barrié, para regresar por rúa Sol, San Andrés, rúa Nova, Cantón Grande e Mariña, coa meta igualmente en María Pita.
O percorrido pechouse tras reunións coa Autoridade Portuaria e avaliando a evolución das obras nos Cantóns, un tramo clave pola súa superficie chaira. A organización indica que o trazado (de 21.097,5 metros) conta xa coa homologación oficial da Real Federación Española de Atletismo (RFEA).