Abren as inscricións para participar nas actividades do programa escolar 'Coruña Educa'
O Concello da Coruña abriu o prazo de inscrición para os programas do plan Coruña Educa, dirixido ao alumnado dos centros educativos da cidade. A iniciativa ofrece un amplo abano de actividades formativas e lúdicas que abranguen desde visitas culturais ata programas sociais e medioambientais, co obxectivo de complementar a formación académica con propostas de interese para todas as idades.
Segundo destacou o concelleiro de Educación, Juan Ignacio Borrego, a programación deste ano conta con 13 itinerarios que inclúen opcións para os estudantes de Escolas Infantís Municipais, Educación Primaria, Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e Educación Especial.
Entre as novidades desta edición, inclúense programas centrados na saúde mental das crianzas, que buscan abordar a prevención e a xestión de conflitos, así como fomentar o consumo responsable das novas tecnoloxías. O plan tamén promove valores como a igualdade e a diversidade, e ofrecerá obradoiros de primeiros auxilios en colaboración con Protección Civil.
Ademais das tradicionais visitas aos Museos Científicos e Bibliotecas Municipais, manteranse actividades como o Rebumbio Matemático e o concurso Imaxina, co obxectivo de estimular a creatividade. Outra das propostas destacadas é o programa ‘Espías no Tempo’, orientado a achegar o alumnado ao patrimonio da cidade e a fomentar a memoria compartida dos barrios coruñeses.
O prazo para inscribirse no plan Coruña Educa está aberto ata o 16 de outubro e os centros educativos interesados poden formalizar a súa participación a través da páxina web do Concello.