Abren as inscricións en Bergondo para once cursos gratuítos orientados á inserción laboral

O Concello de Bergondo porá en marcha ao longo deste ano once accións formativas gratuítas co obxectivo de mellorar as oportunidades de emprego da veciñanza. A programación dá continuidade ao traballo iniciado en exercicios anteriores, recuperando cursos con boa acollida e incorporando novidades que responden a demandas trasladadas nos últimos meses.
Entre as propostas inclúense formacións moi vencelladas ao día a día de sectores con saída laboral, como o curso de manipulador/a de alimentos, a atención sociosanitaria a persoas no domicilio, a xestión de almacén e a prevención de riscos laborais (en modalidade semipresencial). Tamén se ofertan itinerarios ligados á loxística e ao manexo de maquinaria, como carretilla elevadora, operador/a de plataforma elevadora e evacuación de PEMP sobre camión.
A programación complétase con cursos centrados no ámbito dixital, con dúas propostas arredor da intelixencia artificial (introdución práctica e creación de contidos dixitais con IA) e outra sobre como moverse con seguridade no mundo dixital, ademais do curso de monitor/a de tempo libre.
As inscricións ábrense este xoves 19 de febreiro e poderán facerse por teléfono no 981 791 252 (ext. 4) ou en liña a través dun formulario. Dende o Concello lembran que a planificación pode sufrir cambios ao longo do ano, ben por novas suxestións, ben se non se acada o número mínimo de persoas anotadas.
No proceso de selección, terán prioridade as persoas empadroadas en Bergondo, primeiro as que estean en procura de emprego e despois as que estean traballando ou noutras situacións. A continuación, darase preferencia ás persoas desempregadas doutros concellos e, finalmente, ás persoas en activo procedentes de fóra do municipio, respectando en cada grupo a orde de inscrición.