Abre o prazo do Concurso Fotográfico para o Calendario Municipal de A Coruña 2026

O Concello da Coruña abre este luns, 6 de outubro, o prazo de participación no concurso fotográfico co que se seleccionarán as imaxes do Calendario Municipal 2026, publicación que o Concello edita desde hai máis de medio século. O prazo para o envío de fotografías permanecerá aberto ata o venres 31 de outubro de 2025, ambos os dous incluídos, e cada persoa poderá presentar ata un máximo de tres imaxes en formato horizontal e en cor, realizadas dentro do termo municipal da Coruña e cunha aposta clara por poñer en valor o patrimonio cultural, histórico, natural ou paisaxístico da cidade.
As fotografías deberán enviarse en formato dixital JPG cunha resolución mínima de 3 megapíxeles e remitiranse como arquivos adxuntos por correo electrónico ou mediante plataforma de transferencia ao enderezo concursofotografico@coruna.gal. No asunto do correo deberá figurar 'Concurso Calendario Municipal 2026' e no corpo do mensaxe deben incluírse os datos persoais do autor ou autora: nome e apelidos, DNI, enderezo postal e teléfono de contacto; quen o desexe pode engadir tamén a referencia aos seus perfís en redes sociais para ser mencionado. Cada ficheiro ha de ir nomeado co apelido do autor ou autora seguido dun número para facilitar a identificación das imaxes.
Previo consentemento da persoa titular, as fotografías poderán ser reencadradas para a súa correcta adaptación ao formato do calendario, que utiliza 13,5 x 9 cm para as imaxes interiores e 22 x 10,5 cm para a portada. O xurado, composto por sete membros —a alcaldesa ou a persoa en quen delegue, tres integrantes do Colectivo de Fotoxornalistas Coruñeses (un deles na presidencia) e tres concelleiros ou concelleiras do Concello da Coruña— será o encargado de seleccionar do conxunto de propostas doce fotografías de doce autorías distintas, podendo, se a calidade así o xustifica, elixir unha imaxe adicional para a portada. Ademais establecerase unha lista de reserva con seis fotografías máis, ordenadas por puntuación.
Á hora de valorar as propostas o xurado terá en conta a representatividade do patrimonio municipal, a calidade técnica das imaxes e a orixinalidade da proposta, criterios destinados a garantir un calendario que compaxine valor documental e calidade plástica. As persoas gañadoras recibirán como premio un libro de fotografía, un ano de acceso gratuíto á rede de museos municipais da Coruña para dúas persoas e dez exemplares do Calendario Municipal 2026.
As persoas participantes deberán declarar expresamente que posúen os dereitos de autor das fotografías presentadas e, no caso de resultar seleccionadas, cederán gratuitamente ao Concello os dereitos de reprodución, distribución e comunicación pública das mesmas, nos termos establecidos nas bases. Tamén se autoriza o tratamento dos datos persoais facilitados para a xestión do concurso, e as persoas participantes poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación ou oposición mediante solicitude ao mesmo correo de contacto. A decisión do xurado será inapelable e farase pública nas semanas posteriores á finalización do prazo de presentación. Para consultar e descargar as bases completas do certame, as persoas interesadas poden acceder ao apartado de descargables da páxina informativa do Concello.