Abre o prazo de solicitudes das bolsas para deportistas da provincia
A Deputación da Coruña ven de abrir o prazo de solicitudes das bolsas para deportistas de alto nivel da provincia durante o ano 2024. Todas as persoas interesadas en solicitar estas axudas poderán facelo ata as 14.00 horas do día 15 de marzo de 2024 a través da plataforma SUBTEL da Deputación. As bases da convocatoria podense consultar no seguinte enlace ao Boletín Oficial da Provincia.
“O obxectivo das bolsas é apoiar a práctica e o rendemento deportivo, tanto en relación ao perfeccionamento técnico, como posibilitar a participación dos e das deportistas da provincia en eventos de alto nivel”, explicou o deputado de Deportes, Antonio Leira, que lembrou que a convocatoria deste ano prevé a concesión de 50 bolsas individuais de 3.500 euros cada unha, ascendendo o orzamento total do programa a 175.000 euros.
O deputado destacou que o goberno de Valentín González Formoso incrementou tanto o número como a contía das bolsas: “pasamos de 30 bolsas de 2.500 euros a 45 bolsas de 3.500 euros nos últimos anos”, afirmou o deputado, que considerou que este apoio “evidencia o compromiso da Deputación cos nosos e as nosas deportistas e a nosa aposta para axudarlles a situar o deporte coruñés á vangarda do deporte galego”.
Ademais, Leira sinalou tamén que a maior parte dos e das deportistas da provincia con máis proxección e mellor palmarés nas súas disciplinas deportivas como a atleta ribeirense Ana Peleteiro, o piragüista betanceiro Carlos Arévalo, o arqueiro pontés Miguel Alvariño, o nadador coruñés Jacobo Garrido Brun ou o noiés Caetano Horta teñen sido ou son bolseiros da Deputación.
Presentación de solicitudes
Cada unha das axudas estará dotada de 3.500 euros, e poderán optar a elas aqueles deportistas federados e residentes na provincia da Coruña que practiquen algún deporte incluído no programa oficial dos Xogos Olímpicos ou Paralímpicos de París de carácter individual.
Os e as deportistas poderán solicitar unha única bolsa por unha modalidade deportiva e deberán acreditar a residencia nalgún dos concellos da provincia da Coruña, cunha antigüidade ininterrompida de dous anos.
A convocatoria esixe tamén dispor da licenza deportiva vixente na data de publicación das bases no BOP e acreditar un nivel deportivo na modalidade practicada.
As bolsas divídense en catro categorías en función das idades dos solicitantes: Grupo A: 19 bolsas para persoas de entre 12 e 17 anos; Grupo B: 14 bolsas para persoas de entre 18 e 23 anos; Grupo C: 14 bolsas para persoas de entre 24 e 32 anos e Grupo D: 3 bolsas para deportistas paraolímpicos de 33 anos ou máis.