Abre o prazo de inscrición para a a Carreira Popular dos Rosales do próximo 2 de xuño

ACoruñaXa
O prazo para participar na carreira popular da Coruña rematará o vindeiro domingo 26 de maio
Imaxe de arquivo da Carreira Popular dos Rosales
16 Maio 2024

O Concello da Coruña abre o prazo de inscrición na XI Carreira Popular Os Rosales, que se realizará o vindeiro domingo 2 de xuño a partir das 10.00 horas. As persoas interesadas en participar deberán completar o formulario que hai na seguinte páxina web.

O prazo de inscrición rematará o vindeiro domingo 26 de maio ás 23.59 horas e as persoas inscritas no XI circuíto de carreiras populares Coruña Corre non precisan de inscrición previa. O Goberno de Inés Rey prosegue fomentando o deporte e a vida saudable a través dun dos circuítos de carreiras máis populares de Galicia.

A proba absoluta comezará ás 10.00 horas na avenida Fernando Suárez García, próxima ao Polideportivo Municipal dos Rosales. O percorrido pasará pola praza Elíptica e Manuel Azaña ata Labañou, onde as persoas participantes irán cara ao paseo marítimo en dirección ao Portiño. A segunda parte do circuíto irá en dirección á estrada Fontes do Monte de San Pedro e volverá a Manuel Azaña desde a rúa Castelao.

Ademais da proba absoluta haberá, como é habitual, outras seis carreiras de categorías inferiores cun percorrido más curto. Os dorsais da proba deberán recollerse o domingo 2 de xullo, día da carreira, no Polideportivo Municipal dos Rosales, ata media hora antes de comezar a proba. Ademais, para a categoría ‘peques’ será necesario recoller pulseiras identificadoras no mesmo lugar e horario que os dorsais.

Haberá un servizo de duchas no Polideportivo Municipal dos Rosales das 10.30 ás 13.00 horas e outro de gardarroupa, das 9.30 ás 11.15 horas no mesmo espazo. Proporcionaráselles auga e avituallamento sólido a todas as persoas participantes na chegada á meta. A entrega de premios da carreira absoluta será ás 11.00 e a do resto de categorías ás 13.00 horas na propia zona de meta.

 

0.092397928237915