Abre o prazo de inscrición na Coruña das xornadas de orientación artística e profesional

ACoruñaXa
A actividade está orientada a estudantes que cursen estudos en ESO, Bacharelato ou FP, procedentes de calquera centro escolar ou concello
Imaxe das xornadas XOAP
3 Abr 2024

O Concello da Coruña abre o prazo de inscrición para participar nas Xornadas de Orientación Artística e Profesional - XOAP 2024, orientadas ao alumnado de ESO, Bacharelato e FP que estea interesado en realizar estudos artísticos ou de Formación Profesional.

As xornadas, organizadas polo Concello en colaboración coa EASD Pablo Picasso e os centros públicos de Formación Profesional da Coruña, avanzan no obxectivo do Goberno local de poñer en valor dos centros educativos da cidade, dándoos a coñecer.

Deste xeito, os días 15, 16, 17 e 22 de abril realizaranse visitas aos centros públicos de FP da cidade e á EASD Pablo Picasso nas que o alumnado poderá coñecer as instalacións e oferta académica dispoñible en cada centro. Ademais, o 15 de abril terá lugar unha xornada específica de presentación dos Estudos Superiores de Deseño na EASD Pablo Picasso e o 22 de abril dos ciclos de FP Básica, no Fórum Metropolitano.

O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro luns 8 de abril, ás 14.00 horas, no seguinte formulario web. Poderán inscribirse alumnos/as que cursen estudos en ESO, Bacharelato ou FP, procedentes de calquera centro escolar ou concello, dando ferramentas de orientación a mozos e mozas de toda Galicia para que desenvolvan a súa actividade lectiva e profesional na Coruña. Tamén poderán inscribirse persoas non matriculadas e adultos. Unha vez feita a solicitude, a aplicación elabora un pdf que debe ser asinado polo solicitante, no que se incorpora a credencial de acceso ás XOAP.

0.16861391067505