Abre o prazo de candidaturas para o III Premio 'Xoán Vicente Viqueira' de investigación en ciencias sociais, humanidades e innovación

ACoruñaXa
O certame recoñecerá a excelencia en tres categorías, con premios de 6.500 euros, promovendo a investigación e a innovación en Galicia
III Premio 'Xoán Vicente Viqueira'
30 Out 2024

A Deputación da Coruña publicou hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP) as bases da terceira edición do Premio ‘Xoán Vicente Viqueira’ de investigación, orientado a recoñecer o labor de persoas ou entidades que teñan destacado nos ámbitos das ciencias sociais, humanidades, sustentabilidade e innovación. O prazo de presentación de candidaturas, que deberán tramitarse a través da plataforma SUBTEL, comezará o 4 de novembro e rematará o 30 de decembro ás 14:00 horas. Cada categoría do premio está dotada con 6.500 euros, e as persoas interesadas poden consultar os requisitos e bases completas no Boletín Oficial da Provincia.

O certame contempla tres categorías de recoñecemento: a primeira, dedicada á traxectoria de vida de persoas ou entidades cunha achega significativa ao longo dos últimos trinta anos en campos como as ciencias sociais, humanidades, sustentabilidade e innovación social. A segunda categoría céntrase na innovación científica, destacando proxectos que presenten solucións innovadoras e relevantes nestes mesmos ámbitos. A terceira e última categoría está enfocada a premiar a calidade dun traballo desenvolvido por unha persoa investigadora nova, co obxectivo de fomentar o talento e a vocación investigadora na nova xeración.

Este galardón é tamén un tributo ao filósofo e escritor galego Xoán Vicente Viqueira, cuxa traxectoria influíu no avance social e educativo de Galicia e na defensa da cultura e lingua galegas. As candidaturas, que non poden ser autocandidaturas, poderán ser propostas tanto por persoas físicas ou xurídicas coma por membros do xurado ou socios do Instituto Xoán Vicente Viqueira. Os proxectos deben estar vinculados a iniciativas en ciencias sociais e humanidades e ter residencia ou sede en España.

O xurado avaliará a relevancia, orixinalidade e impacto dos proxectos presentados en cada unha das tres categorías. Os detalles completos das bases e requisitos de participación están dispoñibles no Boletín Oficial da Provincia de hoxe.

0.18866491317749