Abre o prazo de admisión na Rede de Escolas Infantís Municipais con 336 prazas vacantes

ACoruñaXa
O Concello da Coruña mantén un ano máis a gratuidade da matrícula, medida pioneira en Galicia
Imaxe da Escola Infantil Municipal Os cativos na Coruña
27 Mar 2024

O Concello da Coruña abre este mércores, 27 de marzo, o proceso de admisión para novos ingresos da Rede de Escolas Infantís Municipais (REIM) de cara ao vindeiro curso 2024-2025.

Esta martes publicáronse no Boletín Oficial da Provincia (BOP) as bases reguladoras de dito proceso, que establecen un prazo de 10 días hábiles para formalizar as solicitudes. Por tanto, as persoas interesadas poderán facelo ata o vindeiro 11 de abril.

Por terceiro ano consecutivo, as familias dos nenos e nenas que sexan admitidas na REIM terán garantida a gratuidade do servizo, unha medida posta en marcha polo Goberno local e que foi pioneira en Galicia. As Escolas Infantís Municipais disporán este ano dun total de 680 prazas, das que 344 xa se reservaron para alumnos que renovan a súa matrícula.

Nesta convocatoria ofertaranse un total de 336 prazas distribuídas nos oito centros municipais da cidade. Haberá 114 vacantes nas aulas de cero a un ano, 114 nas de un a dous anos e 108 nas de dous a tres anos. Toda a documentación necesaria e a información sobre o proceso pódese atopar na seguinte ligazón. A solicitude deberase facer en liña na páxina web.

Dentro do proceso que se abre este mércores para novos ingresos nas Escolas Infantís Municipais haberá unha modalidade de carácter preferente, na que se atopan os nenos e nenas con pai ou nai que prestan servizo nalgún dos centros, os que teñan irmáns ou irmás con praza reservada para o vindeiro curso, menores tutelados, fillos e fillas de mulleres que estean en centros de acollida ou sexan vítimas de violencia de xénero ou menores en situación familiar de risco.

Doutra banda, as restantes solicitudes terán un carácter ordinario. Poderán solicitar praza na REIM nenos e nenas cunha idade mínima de 3 meses o día de inicio do curso e que non cumpriran os 3 anos o 31 de decembro do 2024.

Terán preferencia na adxudicación de prazas os nenos e nenas empadroadas no Concello da Coruña en primeiro lugar, os fillos de pais e nais que desenvolvan a súa actividade profesional no termo municipal da Coruña pese a estar empadroados noutro concello en segundo lugar e, por último, os nenos empadroados en outros concellos. En caso de que haxa máis solicitudes que prazas, establecerase un sistema de puntuación en función da situación sociofamiliar, sociolaboral e económica das familias. En caso de empate final, levouse a cabo un sorteo que determinou que terán prioridade no primeiro apelido os comezados polas letras V e T e no segundo os comezados por Z e A.

Calendario de admisión nas Escolas Infantís Municipais para o curso 2024/2025

  • Prazo de solicitude de novos ingresos: Do 27 de marzo ao 11 de abril
  • Publicación das listaxes de admitidos e non admitidos: 26 de abril
  • Prazo de subsanación de documentación: Do 29 de abril ao 13 de maio
  • Publicación das listas provisionais: 28 de maio
  • Prazo de reclamacións e alegacións: Do 29 de maio ao 11 de xuño
  • Listaxe definitiva de admitidos: 14 de xuño
  • Matrícula: Do 17 ao 21 de xuño
  • Inicio do curso: 6 de setembro

A distribución por escolas das prazas vacantes para o curso 2024/2025 é a seguinte:

AULAS  A CARACOLA AGRA DO ORZÁN ARELA CARRICANTA LOS ROSALES LUIS SEOANE MONTE ALTO OS CATIVOS
0-1 (2023) 16 16 16 16 24 10 0 16
1-2 (2022) 10 10 23 22 15 11 12 11
2-3 (2021) 14 14 21 20 22 0 1 16

 

 

 

 

 

0.18312883377075