Abre o novo mercado municipal de Monte Alto tras unha reforma de case dez millóns de euros

O novo mercado municipal de Monte Alto abriu hoxe as súas portas tras a reforma integral impulsada polo Concello da Coruña, que supón un investimento de case dez millóns de euros, cofinanciados con fondos PIREP. A alcaldesa, Inés Rey, visitou esta mañá as instalacións na primeira xornada de funcionamento e saudou ás praceiras e praceiros xa instalados nos seus novos postos.
A rexedora destacou a 'perspectiva de futuro' coa que se abordou a renovación dun edificio construído nos anos 80 e reformado por última vez no 2006. Segundo explicou, o obxectivo era darlle 'unha segunda vida' á praza de abastos, atendendo ás necesidades actuais do sector e anticipándose tamén ás demandas que poidan xurdir a medio e longo prazo.
No interior, tras os traballos de demolición e reforzo das estruturas orixinais, o mercado presenta agora espazos máis diáfanos, con postos de venda máis oxixenados, visibles e luminosos que na súa configuración anterior. O proxecto puxo especial fincapé na eficiencia e na sostibilidade enerxética, co fin de reducir o consumo e mellorar o confort de traballadoras, traballadores e clientela.
O cambio é tamén visible no exterior, onde se reurbanizou a praza superior e as rúas do contorno para gañar accesibilidade, seguridade no tránsito peonil e espazos públicos de máis calidade. A intervención incluíu a creación de novas áreas de lecer e a plantación de 17 árbores, contribuíndo a dotar o barrio de Monte Alto dun novo punto de encontro veciñal arredor do mercado.
Inés Rey agradeceu a paciencia das profesionais da praza durante o período en que desenvolveron a súa actividade de forma provisional en Indalecio Prieto e amosouse convencida de que o novo mercado será 'un motor para o pequeno comercio e para a vida do barrio'. Nas próximas semanas, o Concello lanzará a licitación dos postos que aínda permanecen baleiros, co obxectivo de completar a oferta comercial e reforzar os servizos que se prestan á veciñanza.