Abre a inscripción para a carreira popular Volta a Oza o domingo 7 de abril

ACoruñaXa
O período de inscrición para a Volta a Oza pecharase, como é habitual, unha semana antes, o domingo 31 de marzo
Cartel do circuíto de carreiras populares Coruña Corre
18 Mar 2024

Este luns abriuse a inscrición para a segunda proba do circuíto de carreiras populares da Coruña, a Volta a Oza, para a súa edición número 11 o domingo 7 de abril. O período de inscrición pecharase, como é habitual, unha semana antes, o domingo 31 de marzo ás 23.59 horas. As persoas interesadas poden consultar toda a información e formalizar a súa inscrición na páxina web .

A proba absoluta terá a súa saída e meta no parque de San Diego e transcorrerá pola avenida do Exército e da Pasaxe ata a avenida da Concordia, chegando ata a rúa Monte das Moas e atravesando o parque de Eirís. Despois, pasará pola praza de Pablo Iglesias pola avenida Casanova de Eirís, baixando pola rúa Antonio Ríos ata o parque de Oza, regresando a San Diego pola rolda de Outeiro.

Haberá dúas posibilidades de inscrición para a Volta a Oza. A primeira delas será a inscrición única ao circuíto, que dará dereito a participar en seis probas (agás na da Torre, para a que xa está pechada a inscrición) e será a única maneira de puntuar para o circuíto e optar aos premios. Xerarase un dorsal único e as persoas participantes deberán confirmar a súa asistencia proba a proba. O prazo de inscrición ao circuíto rematará ás 23.59 horas do domingo 5 de maio, data na que finaliza o prazo para a terceira proba do ano, a XV Baixada Popular de Cross San Pedro de Visma. Por outra banda, as persoas interesadas poderán inscribirse de maneira independente en cada carreira ata as 23.59 horas do domingo anterior ao día da proba.

A inscrición ao circuíto terá un custo total de 24 euros (12 euros de cota e 12 euros o chip) ou 19 euros (7 euros a cota e 12 de chip) para persoas desempregadas, de máis de 65 anos e con Carné Xove. A inscrición de menores é gratuíta. Por outra banda, as persoas que participen só nesta proba terán que aboar unha cota de 3 euros e 2 euros polo chip refugable, ou un total de 3 euros para persoas desempregadas, maiores de 65 anos e posuidores do Carné Xove.

0.16386008262634