Abre a inscrición para o programa Idiomas do Mundo 2024
O Concello da Coruña abre este venres 23 de febreiro, o prazo de inscrición para participar no programa Idiomas do Mundo 2024, que oferta 30 prazas para estancias dun mes en Irlanda durante os meses de xullo ou agosto dirixido a estudantes que cursen 1º de Bacharelato durante o presente curso escolar.
As solicitudes poderanse facer do 23 de febreiro ao 7 de marzo, ambos os días incluídos, a través da ficha dispoñible na páxina web da Concellaría de Educación, onde tamén poden consultarse as bases da convocatoria.
Idiomas do Mundo, xunto ao veterano programa Bolsas USA ou o proxecto Acoeuropa, son programas impulsados desde o Goberno que preside Inés Rey para fomentar que os mozos e mozas da cidade perfeccionen o dominio de idiomas extranxeiros e profunden no coñecemento real doutra cultura. No caso de Idiomas do Mundo, os participantes obtén ademais un certificado oficial do nivel alcanzado segundo o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL). O Concello destina a este programa un total de 149.640 euros.
Poderá ser adxudicatario da bolsa o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:
- Estar en posesión do documento nacional de identidade ou número de identidade de estranxeiro.
- Residir e estar empadroado co seu pai, nai ou representante legal, no seu caso, no municipio da Coruña no momento da publicación do extracto desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP).
- Estar matriculado e cursar 1º de Bacharelato nun centro escolar da cidade da Coruña no curso 2023-2024.
- Contar no curso de 4º da ESO cunha cualificación media de 7 ou máis e non ter ningunha materia suspensa.
- Contar en curso de 4º da ESO con cualificación de 7 ou máis na materia de inglés.
- Non estar inmerso nas prohibicións recollidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
A participación no programa non implica a total gratuidade para o alumnado beneficiario, polo que as familias en función da súa renda achegarán as cantidades que lles correspondan segundo as contías e porcentaxes sinalados na táboa recollida nas bases do programa.
Neste sentido, establécense dous tipos de bolsa, unha total e outra parcial, na que as familias terán que asumir como máximo o 30% do prezo da praza, de tal modo que o importe máximo que terán que abonar será de menos de 1.500 euros. É importante sinalar que unha vez cuberta a ficha de inscrición en liña, é imprescindible entregar por Rexistro toda a documentación que vén establecida nas bases.