Abre a inscrición para a décima edición do C-Trail Bombeiros Coruña con xa 200 persoas confirmadas

ACoruñaXa
Nos montes de Mesoiro e A Zapateira cun novo percorrido nocturno de 14 quilómetros
trail-corunha
30 Mar 2025

Figura dispoñible a inscrición para a décima edición do C-Trail Bombeiros Coruña, organizado pola asociación do servizo municipal de Bombeiros da Coruña. Esta proba, que forma parte do calendario deportivo anual do Concello, disputarase o sábado 12 de abril e regresará aos montes de Mesoiro e A Zapateira cun novo percorrido nocturno de 14 quilómetros.

Este trail é o único que se disputa no termo municipal e, ano tras ano, atrae a persoas de todas as idades que buscan unha actividade saudable, ademais de contribuír á visibilización dos espazos naturais e rurais da Coruña, como os bosques lindeiros a Novo Mesoiro, Feáns ou a Urbanización Breogán, entre outros.

A concelleira de Atención Cidadá e Seguridade, Montse Paz, animou á cidadanía a participar nesta xornada deportiva, que ademais do trail incluirá unha andaina nocturna de nove quilómetros, "máis enfocada ao público familiar, para que as pequenas e pequenos, acompañados polos seus maiores, poidan gozar desta actividade ao aire libre en espazos naturais".

Un evento deportivo con gran acollida

Ata o momento, case 200 persoas xa confirmaron a súa inscrición tanto no trail como na andaina, cun percorrido xa dispoñible para consulta nesta ligazón.

O C-Trail Bombeiros Coruña dará comezo ás 21.00 horas do sábado 12 de abril. Antes, ás 20.30 horas, arrincará a andaina nocturna desde a contorna do pavillón polideportivo municipal de Novo Mesoiro, na rúa dos Ancares. O trail contará cun desnivel positivo de 700 metros no seu percorrido. Por motivos de visibilidade e seguridade, ademais do dorsal, será obrigatorio portar unha lanterna ou sistema de iluminación frontal.

As persoas inscritas contarán con servizo de avituallamento, asistencia en carreira, duchas e vestiarios no pavillón de Novo Mesoiro. Ademais, todos os participantes recibirán un agasallo especial por formar parte desta décima edición do evento deportivo.

 

⚙ Configurar cookies
0.10108017921448