Abre a inscrición do Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias 2026 da Fundación Juana de Vega

A Fundación Juana de Vega abriu a convocatoria da edición 2026 do seu Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias, a iniciativa pioneira en Galicia que acompaña proxectos rurais dende 2012. As persoas e entidades interesadas poden presentar a súa candidatura ata o 5 de decembro a través do formulario.
O programa está dirixido a iniciativas localizadas en Galicia vinculadas ao sector agroalimentario (produción, transformación e comercialización), ao sector forestal, á bioeconomía, ao marisqueo e á pesca, ademais de proxectos de base tecnolóxica e servizos que asisten a estes sectores. Poden concorrer propostas orientadas á creación de novas empresas, a sucesión ou recuperación de negocios familiares e tamén empresas xa constituídas que precisan impulsar o seu crecemento ou consolidación.
A convocatoria mantén dúas modalidades Emprendemento, pensada para ideas e novos proxectos, e Crecemento e Consolidación, orientada a autónomos, pemes e micropemes que queren optimizar xestións, mercados, financiamiento, comercialización ou comunicación. Tras a selección dos doce beneficiarios en xaneiro de 2026, cada proxecto participará nun programa de acompañamento que sumará 50 horas de formación colectiva e 25 horas de mentoría individualizadas.
A Fundación Juana de Vega subliña o carácter práctico e personalizado do programa e lembra que desde 2012 acompañou arredor de 130 iniciativas por toda Galicia Enrique Sáez Ponte, presidente da entidade, insiste na importancia de apoiar aos emprendedores rurais porque “son axentes dinámicos que crean riqueza no territorio e cos que aprendemos novas oportunidades para mellorar o mundo rural”.
A inscrición e as bases completas están dispoñibles na web do Programa de Apoio https://programadeapoyo.juanadevega.org
e para máis información pódese consultar tamén a Fundación Juana de Vega. A convocatoria pon de novo o foco na formación, a mentoría e en propostas que poñan en valor os recursos locais e fomenten a sustentabilidade e o desenvolvemento económico do rural galego.