Aberto o prazo para que a hostalaría se inscriba na XIV Semana do Pincho de Betanzos 2025

ACoruñaXa
Os locais interesados poden anotarse ata o mércores 19 de novembro a través da Sede Electrónica, xa que o certame celebrarase do 28 de novembro ao 7 de decembro con petiscos a un máximo de 3 euros
BETANZOS semana pincho 25'
17 Nov 2025

Betanzos vén de abrir o prazo de inscrición para os establecementos hostaleiros que queiran participar na XIV edición da Semana do Pincho, que se desenvolverá entre o 28 de novembro e o 7 de decembro de 2025 nos locais inscritos do municipio.

Segundo recollen as bases do concurso, poderán participar todos aqueles bares, cafés, restaurantes ou vinotecas que conten con local aberto e en funcionamento no termo municipal de Betanzos. As inscricións deberán formalizarse ata o mércores 19 de novembro de 2025, preferentemente de maneira telemática a través da Sede Electrónica do Concello, aínda que tamén se contempla a tramitación presencial nas oficinas municipais.

Cada establecemento deberá presentar un único pincho de elaboración propia, con ingredientes de libre elección, que non poderá repetirse en dúas edicións consecutivas da Semana do Pincho. O prezo de venda ao público será fixado por cada local, mais en ningún caso poderá superar os 3 euros.

Durante os dez días que dure o evento, os petiscos deberán estar dispoñibles para a clientela nun horario mínimo de 12.30 a 15.00 polas mañás e de 20.00 a 22.00 polas tardes de luns a xoves, ampliándose de 20.00 a 23.00 os venres e sábados das dúas fins de semana. Os locais que así o desexen poderán estender estes horarios.

As bases establecen tamén que os establecementos participantes deberán ter o seu pincho preparado entre os días 20 e 21 de novembro, co fin de que o Concello lle poida sacar unha fotografía para o folleto promocional. Como alternativa, os locais poden remitir unha imaxe en alta calidade por correo electrónico á organización. Aqueles que non faciliten a fotografía no prazo previsto quedarán excluídos da Semana do Pincho.

A clientela disporá de folletos cos planos dos locais participantes e poderá ir selando a súa ruta en cinco estabelecementos diferentes, o que lle permitirá votar polo pincho favorito e participar en diversos sorteos. A votación popular poderá facerse tanto en papel coma a través da aplicación móbil GastroBetanzos (mediante códigos QR exclusivos de cada negocio). Da suma de todos os votos sairá o premio popular, mentres que un xurado especializado decidirá o galardón profesional ao mellor pincho.

Os establecementos gañadores, tanto na categoría do xurado como na do público, recibirán unha placa conmemorativa por parte do Concello de Betanzos. O obxectivo do certame, que se consolidou nas últimas edicións como unha cita destacada do calendario gastronómico brigantino, é promocionar a cociña local, dinamizar a hostalaría e atraer público á cidade nunhas datas próximas ao inicio da campaña de Nadal.

As bases completas, o cartel e a documentación necesaria para facer a inscrición poden consultarse e descargarse na Sede Electrónica e na web municipal do Concello de Betanzos, na sección de concursos e eventos.

⚙ Configurar cookies
0.076843976974487