Aberto o prazo para participar no XXVII Certame de Teatro Escolar e Afeccionado da Deputación da Coruña

O XXVII Certame de Teatro Escolar e Afeccionado da Deputación da Coruña volve abrir convocatoria e xa ten en marcha o prazo de inscrición para entidades, compañías e centros educativos que queiran subir a escena nesta nova edición. A organización, a cargo do IES Rosalía Mera, manterá aberta a inscrición ata o mércores 18 de febreiro de 2026.
O certame estrutúrase en catro categorías: Benxamín (Educación Infantil e 1º e 2º de Primaria), Infantil (3º a 6º de Primaria), Cadete (Educación Secundaria ata 20 anos) e Afeccionada (a partir de 18 anos). A categoría asignarase en función da persoa de maior idade do reparto.
A convocatoria ten carácter provincial, aínda que permite a participación de grupos e centros doutros puntos, incluso de fóra de Galicia se existe viabilidade. As obras poden ser de calquera xénero teatral, pero non se aceptarán a concurso montaxes que xa fosen presentadas no certame nos cinco anos naturais anteriores.
Unha vez pechado o prazo, elaborarase o calendario de representacións, que se programará nos meses de marzo, abril, maio e xuño, en función dos días indicados no formulario de inscrición.O peche do certame chegará coa gala de entrega de premios, prevista no Teatro Colón o 12 de xuño de 2026.