Aberto o prazo para participar no Semana Santa Camp de Ordes

ACoruñaXa
O Concello pon en marcha unha nova proposta de conciliación para as mañás do 30 e 31 de marzo e do 1 e 6 de abril, dirixida a nenos e nenas de 3 a 12 anos
ORDES campemento semana santa
18 Mar 2026

O Concello de Ordes abriu o prazo de inscrición para participar no Semana Santa Camp, unha iniciativa pensada para facilitar a conciliación familiar durante as vacacións escolares de Semana Santa. A proposta está dirixida á rapazada escolarizada de entre 3 e 12 anos e desenvolverase nas mañás dos días 30 e 31 de marzo e 1 e 6 de abril.

O programa contará cun horario de 9.00 a 14.00 horas e incluirá unha ampla variedade de actividades adaptadas ás distintas idades. Entre elas figuran xogos tradicionais e deportivos, xincanas, obradoiros creativos, traballos manuais, sesións de música e movemento e tamén propostas de ciencia divertida, co obxectivo de ofrecer unha alternativa de lecer atractiva e educativa durante os días non lectivos.

A cota de inscrición será de 16 euros, mentres que as familias numerosas poderán beneficiarse dun desconto do 50%. Ademais, as persoas interesadas terán a posibilidade de contratar servizos complementarios por día, como madrugadores entre as 7.30 e as 9.00 horas, mediodía de 14.00 a 15.30 horas, así como almorzo e xantar.

A información para tramitar estes servizos adicionais está dispoñible na pestana de campamentos da páxina web de Escola Con Talento. Con esta nova convocatoria, o Concello de Ordes volve apostar por ofrecer recursos que axuden ás familias a compatibilizar a vida laboral co coidado dos máis pequenos durante os períodos de vacacións escolares.

0.12498807907104