Aberto o prazo para participar na Feira de Artesanía do Día das Letras Galegas en Culleredo

O Concello de Culleredo abre o prazo de inscrición para participar na Feira de Artesanía que se celebrará o próximo 17 de maio, coincidindo coa conmemoración do Día das Letras Galegas. Como é tradición, a cita terá lugar en Praza Europa, en horario de 11.00 a 20.00 horas, nun espazo que se convertirá nun referente para o comercio local e a creación artesanal.
Aquelas persoas interesadas en participar poderán formalizar a súa inscrición a través dun formulario en liña, que está dispoñible na páxina web e nas redes sociais do Concello. O prazo de inscrición rematará o 30 de abril ás 14.00 horas, e a lista de admitidos será enviada por correo electrónico o 2 de maio. No caso de non alcanzarse o número mínimo de participantes, a celebración do evento poderá ser suspendida.
Este evento está aberto a todas as persoas que teñan unha produción artesanal e de elaboración propia. O Concello define como “artesanal” toda aquela produción na que a contribución manual sexa o principal compoñente do produto final, sen importar as ferramentas empregadas no proceso de fabricación.
O número de postos dispoñibles para a Feira de Artesanía é de 40, pero este pode variar segundo a propia logística do evento e as solicitudes recibidas. Ademais, o Concello tamén establecerá unha lista de espera en caso de que se superen os espazos ofertados.
O obxectivo desta actividade é dar visibilidade ao traballo dos artesáns locais e celebrar o Día das Letras Galegas, un día cheo de cultura, tradición e creatividade que se consolida cada ano como unha das grandes citas do municipio.