Aberto o prazo para optar a 48 bolsas de investigación e formación artística na provincia

ACoruñaXa
A Deputación da Coruña destina 480.000 euros a unha nova convocatoria de axudas de 10.000 euros cada unha para o curso 2026-2027
depu coru bolsas investigación
17 Mar 2026

A Deputación da Coruña abriu o prazo para solicitar as súas bolsas de investigación e perfeccionamento artístico, unha convocatoria coa que mobilizará 480.000 euros para apoiar a mocidade da provincia durante o curso 2026-2027. En total, ofértanse 48 axudas de 10.000 euros cada unha, repartidas entre 20 bolsas de investigación e 28 de formación artística.

O programa provincial consolida así o reforzo aplicado nos últimos anos, tanto no número de bolsas, que pasaron de 40 a 48, como na contía económica, que medrou de 8.000 a 10.000 euros por persoa beneficiaria. O obxectivo é facilitar que mozos e mozas coruñeses poidan desenvolver proxectos de investigación ou completar estudos especializados fóra de Galicia.

No apartado de investigación, a convocatoria inclúe 20 bolsas dirixidas a persoas menores de 36 anos, con titulación universitaria e residencia nalgún concello da provincia da Coruña. Os proxectos deberán desenvolverse durante un período mínimo de nove meses. A distribución das axudas queda fixada en cinco bolsas para artes e humanidades, catro para ciencias da saúde, cinco para ciencias sociais, xurídicas ou estudos de xénero, catro para ciencias e dúas para enxeñería e arquitectura.

No caso do perfeccionamento artístico, a Deputación reserva 280.000 euros para financiar 28 axudas tamén de 10.000 euros. Estas bolsas están pensadas para sufragar gastos derivados da realización de estudos artísticos fóra da comunidade autónoma en disciplinas como audiovisual, danza e artes do movemento, ilustración, artes plásticas e visuais, música, teatro e interpretación escénica.

A distribución por especialidades contempla tres bolsas para audiovisual, tres para danza e artes do movemento, catro para ilustración, artes plásticas e visuais, quince para música e tres para teatro e interpretación escénica. Segundo destaca a institución provincial, estas axudas permitiron nos últimos anos ampliar a formación de alumnado coruñés en cidades como Madrid, Barcelona, Granada ou Valencia, así como en centros especializados de países como Estados Unidos, Francia, Reino Unido ou os Países Baixos.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 16 de abril. As bases poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia e tamén a través da páxina web da Deputación da Coruña.

0.11975789070129