Aberto o prazo para optar a 412 prazas nas escolas infantís municipais da Coruña

O Concello da Coruña ofrecerá un total de 412 novas prazas nas Escolas Infantís Municipais para o curso 2026-2027, unha convocatoria que permitirá cubrir vacantes nos oito centros da rede repartidos pola cidade. O proceso de preinscrición realizarase exclusivamente en liña, a través do portal web municipal, entre os días 16 e 30 de marzo.
A oferta abrangue os tres tramos de idade das escolas, aínda que o curso de 2 a 3 anos concentra o maior número de vacantes, con 158 prazas. Por detrás sitúanse o grupo de 1 a 2 anos, con 134, e o de 0 a 1 anos, con 120. A distribución por centros deixa 62 prazas en Os Rosales, 61 en Arela, 60 en Carricanta, 57 en Luis Seoane, 45 en Os Cativos, 44 en Monte Alto, 43 en Agra do Orzán e 40 en Caracola.
O proceso de admisión establece criterios preferentes para determinadas unidades familiares. Terán prioridade os menores que se matriculen por primeira vez e teñan irmáns xa escolarizados nalgunha das escolas da rede municipal durante o curso 2026-2027, así como os fillos e fillas do persoal que presta servizos no propio centro, sempre que existan vacantes na escola solicitada.
Tamén se reservan prazas por urxencia social para menores tutelados ou en situación de garda por parte da Administración autonómica, para fillos e fillas de mulleres vítimas de violencia de xénero ou residentes en centros de acollida, e para nenos e nenas que se atopen nun contexto sociofamiliar de risco e precisen unha intervención inmediata. Todas estas circunstancias deberán acreditarse coa documentación correspondente.
Para optar a unha das prazas será necesario que o menor teña cumpridos polo menos 3 meses no momento de inicio do curso e que non cumpra 3 anos antes do 31 de decembro de 2026. Este límite poderá flexibilizarse no caso de alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, segundo recollen as bases. Ademais, o neno ou nena deberá estar empadroado con algunha das persoas proxenitoras ou coa persoa que exerza a titoría legal.
Coa apertura deste novo proceso, o Concello activa unha das convocatorias máis relevantes para as familias coruñesas con crianzas en idade temperá, ao tempo que reforza a planificación do vindeiro curso na rede municipal de escolas infantís.