Aberto o prazo para inscribirse na Campaña da Neve 2025 da Deputación da Coruña

ACoruñaXa
A Deputación organiza seis quendas de esquí en Asturias para 600 nenos e nenas de 11 a 15 anos; as inscricións están abertas ata o 2 de decembro
Imaxe da Campaña da Neve da Deputación
13 Nov 2024

A Deputación da Coruña acaba de abrir o prazo de inscrición para a súa Campaña da Neve 2025, que ofrece aos nenos e nenas de entre 11 e 15 anos de toda a provincia a oportunidade de gozar de seis quendas de esquí na estación invernal de Valgrande-Pajares, en Asturias. A campaña desenvolverase entre o 10 de xaneiro e o 17 de febreiro, e permitirá a un total de 600 participantes iniciarse ou mellorar as súas habilidades de esquí, grazas a unha oferta que inclúe transporte, estadía de catro días, clases, material, monitores e seguros, entre outros servizos.

O deputado de Deportes, Antonio Leira, destacou a importancia desta iniciativa, pensada para “fomentar o deporte e o compañeirismo entre a mocidade da provincia, ofrecéndolles ademais actividades culturais complementarias.” Os interesados deben inscribirse no seu Concello antes do 2 de decembro, entregando a ficha de inscrición asinada polos pais ou titores, unha copia da tarxeta sanitaria, do carné de identidade e o xustificante de pago.

As quendas distribúense entre os concellos participantes e terán un custo de 85 euros, con prioridade para quen nunca participou en campañas de neve anteriores da Deputación.

Quendas da Campaña da Neve 2025 por concellos:

  • 1ª QUENDA (10/01/2025 ao 13/01/2025): Abegondo, Aranga, Arzúa, Bergondo, Betanzos, Boimorto, Cabanas, Coirós, Curtis, Frades, Irixoa, Melide, Mesía, Miño, Monfero, Oza-Cesuras, Paderne, Pontedeume, Santiso, Sobrado, Toques, Vilarmaior e Vilasantar.
  • 2ª QUENDA (17/01/2025 ao 20/01/2025): Arteixo, Cambre, Carral, A Coruña, Culleredo, Oleiros e Sada.
  • 3ª QUENDA (24/01/2025 ao 27/01/2025): Ares, A Capela, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, As Pontes, San Sadurniño, As Somozas e Valdoviño.
  • 4ª QUENDA (31/01/2025 ao 03/02/2025): Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Cerceda, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños, Muxía, Ponteceso, Santa Comba, Vimianzo e Zas.
  • 5ª QUENDA (07/02/2025 ao 10/02/2025): Boiro, Brión, Dodro, Lousame, Mazaricos, Muros, Negreira, Noia, Outes, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Ribeira e Rois.
  • 6ª QUENDA (14/02/2025 ao 17/02/2025): Ames, A Baña, Boqueixón, Ordes, Oroso, O Pino, Santiago de Compostela, Teo, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra e Vedra.

Toda a información e a ficha de inscrición están dispoñibles na web da Deputación

⚙ Configurar cookies
0.13870215415955