Aberta a inscrición para a VIII San Silvestre de Ordes, con recollida solidaria de alimentos

O Concello de Ordes ten xa aberta a inscrición para participar na VIII San Silvestre, que se celebrará o vindeiro 31 de decembro cun marcado carácter festivo e solidario. A participación é gratuíta e as persoas interesadas poden apuntarse a través da web, plataforma na que figura incluída a proba no calendario oficial de carreiras en ruta.
O circuíto deste ano terá unha distancia de 3,9 quilómetros. A saída, como en edicións anteriores, situarase na rúa Entre Parques ás 12.00 horas. Desde o Concello subliñan que se trata dunha proposta aberta á participación de todo tipo de público, desde deportistas habituais até familias que queiran despedir o ano practicando deporte nun ambiente lúdico.
Ademais do compoñente deportivo, a San Silvestre ordense volverá poñer o foco na solidariedade. A organización aproveitará a carreira para recoller alimentos non perecedoiros destinados a Cáritas, coa intención de reforzar a atención ás familias con menos recursos nestas datas do Nadal. As persoas inscritas poderán colaborar achegando produtos no momento de recoller o dorsal, que se entregará 30 minutos antes do inicio da proba.
Como agasallo, todas as persoas participantes poderán degustar de balde churros con chocolate ao remate da carreira, convertendo a cita nun punto de encontro veciñal para pechar o ano entre deporte e confraternidade.
Un ano máis, a Federación Galega de Atletismo colabora coa iniciativa, que figura no seu calendario autonómico de ruta, en coordinación co Concello de Ordes como entidade organizadora.