Aberta a convocatoria para a V Edición do Programa de Residencias Artísticas

ACoruñaXa
Convocadas pola Universidade da Coruña e a Fundación María José Jove
residencias-artisticas
18 Mar 2025

O Espazo de Intervención Cultural da Universidade da Coruña (NORMAL) e o Centro de Arte Fundación María José Jove (FMJJ) lanzan a V Edición do Programa de Residencias Artísticas, unha iniciativa que busca apoiar a creación artística desde unha perspectiva crítica e vinculada ás dinámicas, memorias e resonancias do contexto máis próximo. O programa proporciona un espazo propicio para a creación e investigación artística, fomentando o desenvolvemento dun marco conceptual que permita interpretar as problemáticas contemporáneas desde unha perspectiva social, cultural e territorial. Nesta quinta edición, convócanse dúuas residencias dotadas con 6.000 euros cada unha, destinados a honorarios, gastos de produción e viaxe.

As persoas artistas seleccionadas contarán cunha zona de traballo individual no Espazo de Intervención Cultural da UDC NORMAL, aloxamento nunha residencia universitaria na Coruña, acompañamento curatorial durante todo o proceso e a oportunidade de presentar publicamente os resultados ao finalizar a residencia. As residencias terán unha duración mínima dun mes, con posibilidade de ampliación ata tres meses, e desenvolveranse entre setembro e decembro de 2025.

O prazo de inscrición está aberto desde hoxe, 17 de marzo, ata o 14 de xuño de 2025. As solicitudes deben enviarse ao correo normal.comunicacion@udc.gal, achegando o formulario de inscrición xunto coa documentación requirida, que inclúbe DNI, síntese do proxecto, CV e carta de intencións. A resolución da convocatoria publicarase a finais de xullo de 2025.

O xurado encargado de avaliar as propostas estará composto por profesionais do sector como Ángel Calvo Ulloa, crítico de arte e comisario; Susana González, comisaria e directora do Centro de Arte FMJJ/Colección de Arte FMJJ; Marta Mestre, comisaria do Museo de Arte Contemporánea MAC/CCB Lisboa; e Yolanda Pérez Sánchez, responsable de NORMAL e adxunta de Cultura da UDC. As propostas serán avaliadas en función da súa orixinalidade, innovación, coherencia cos obxectivos da convocatoria e capacidade para xerar redes de colaboración multidisciplinar.

O Programa de Residencias Artísticas FMJJ/NORMAL forma parte da estratexia de apoio á formación, produción e promoción da creación artística do Centro de Arte Fundación María José Jove. NORMAL, como espazo cultural da Universidade da Coruña, destaca pola súa aposta pola intervención, a creación e o debate, acollendo proxectos de nova escena contemporánea, cinema, artes visuais, multimedia e música avanzada. A súa actividade busca conectar a cultura coa vida pública, promovendo a reflexión sobre políticas de xénero e a cooperación. Para máis información, pode consultarse a páxina web da Universidade da Coruña ou contactar co Gabinete de Comunicación da UDC.

 

⚙ Configurar cookies
0.049429893493652