Aberta a convocatoria do Premio Otero Pedrayo 2026 con 16.000 euros para recoñecer a cultura galega

A Deputación da Coruña abriu a convocatoria do Premio Otero Pedrayo 2026, un dos recoñecementos de referencia no ámbito cultural galego e que nesta edición estará dotado con 16.000 euros.
O galardón busca distinguir traxectorias e achegas de especial relevancia para a cultura do país, así como iniciativas que contribúan á difusión dos valores propios de Galiza e ao fortalecemento da súa cidadanía e das súas institucións. A convocatoria deste ano correspóndelle á institución provincial coruñesa, en cumprimento do sistema rotatorio anual establecido no regulamento do premio.
O prazo de presentación de candidaturas será de tres meses contados desde o día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, realizada o 26 de marzo, polo que as propostas poderán rexistrarse ata o 27 de xuño de 2026.
Poderán optar ao premio persoas nacidas ou residentes en Galiza, ademais de grupos de traballo, institucións e entidades que destaquen polo seu labor en favor da conservación e da proxección da cultura galega. As candidaturas poderán ser presentadas polas propias persoas aspirantes, por entidades académicas e culturais, polas deputacións, pola Xunta ou polo propio xurado.
O Premio Otero Pedrayo é convocado cada ano por unha das catro deputacións galegas e mantense como un dos galardóns máis prestixiosos do panorama cultural galego. Nas últimas edicións foron recoñecidas figuras e colectivos como Rosario Álvarez e Menchu Lamas, Ángel Carracedo, Darío Villanueva, a Coral de Ruada e a Coral Polifónica de Pontevedra.